«Eu non veño ao Porto para facer política»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

Tourís anuncia unha xestión con criterios técnicos e vontade de entendemento cara ao Concello

18 dic 2020 . Actualizado a las 13:43 h.

Unha traxectoria de 33 anos en política avalan a chegada de Xosé Manuel Cores Tourís (Cambados, 1958) á presidencia da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. Socio fundador de Horsal en 1985, concelleiro dende 1987, alcalde entre 1998 e o 2009, senador durante dúas lexislaturas e delegado da Xunta en Pontevedra dende o retorno do Partido Popular ao Goberno galego, poucos paus lle quedaban por tocar a este cambadés, que se define coma un home de equipo.

-A súa chegada á presidencia supuxo, en certa medida, unha sorpresa. Como afronta esta nova encomenda?

-Con gañas, ilusión e agradecemento ao presidente da Xunta por depositar a súa confianza en min para desempeñar un posto coma este. A verdade é que fun membro do consello de administración, tanto en Vilagarcía como en Marín, dende o 2009. Así que podemos dicir que coñezo a casa e valoro, por riba de todo, o factor humano. Temos un equipo formado por unhas sesenta persoas, a moitas das cales xa coñecía. Quen me coñece a min sabe que son moito de facer equipos e de delegar. Creo que hai que darlle responsabilidades á xente para que se sinta realizada e traballe con compromiso, porque este Porto é de todos.

-Na súa toma de posesión agradeceu o labor da súa predecesora, Sagrario Franco.

-Creo que hai que felicitala a ela e ao seu equipo polo labor que fixeron ao longo destes anos. Xa digo que o factor humano é fundamental para seguir desenvolvendo este labor. Nun ano tan complicado é previsible que cheguemos a millón duascentas mil toneladas de mercancías, e iso é moi importante. A partir de aí, temos que seguir traballando e mantendo un contacto constante coas empresas e os consignatarios. Boluda, Carrasco, Reboredo e Nogueira, a través de Galigraín, son operadores potentes e ímolos apoiar en todo o que poidamos. Contamos, ademais, cun bo departamento comercial, que sabe moverse moi ben.

-É certo que este Porto soubo reinventarse logo da crise do 2008, e darlle unha volta aos seus tráficos. Fará vostede unha política de continuidade?

-Si, hai tráficos coma o de contedores que acadaron unha gran importancia en Vilagarcía. Hoxe supoñen practicamente a metade da mercancía xeral, e aproximadamente unha cuarta parte do movemento total do Porto. O taboleiro tamén é moi importante. Antes, A Coruña movía un 30 % e nós arredor dun 70. Agora temos o cen por cento. Nos cereais foi un ano de pouco movemento, porque ao medrar a produción nacional non houbo importación, e polo tanto houbo pouco movemento nos peiraos... Temos que seguir esta liña de continuar aumentando tráficos. Creo que o proxecto do dragado do canal vai ser fundamental neste senso.

-Hai fondos nos Presupostos Xerais do Estado para o ano que vén. Pero vaise poder iniciar xa?

-Estase traballando agora no trámite ambiental, e supoño que ata o 2022 non se poderá desenvolver. Pero é un proxecto de envergadura e vainos permitir recibir buques máis grandes, que é o que piden os operadores.

-Tamén se referiu vostede a unha área de influencia moi ampla. Sempre se fala da colaboración entre os portos de interese xeral en Galicia, pero por baixo existe unha competencia moi dura.

-Estamos nunha área de influencia moi potente, tanto na zona do Salnés coma no Barbanza; unha área que poderiamos dicir que vai dende Santiago ata Pontevedra, e haina que seguir potenciando. Aproveitando a presenza do presidente de Marín na toma de posesión, incidín, efectivamente, na idea de sentarnos, e máis que facer competencia, definir esas áreas de influencia de cada porto. Sería o ideal. Pero logo, por suposto, son os operadores quen moven as mercancías nos portos que máis lles interesan, polas razóns que sexan.

-Obviamente, este tamén é un cargo cun notable peso político. Houbo tempos, coincidindo con alcaldías socialistas, coma agora, nos que mesmo foi unha especie de contrapeso ao Concello.

-Son cousas distintas. Cada un traballa, loxicamente, para lograr o mellor para o seu partido. Pero eu levo no consello dende o 2009, sempre houbo representantes do PP, do PSOE e tamén do BNG. E a maioría das decisións adoptáronse por unanimidade, porque un Porto funciona con criterios e informes técnicos, que é como ten que ser. Eu, dende logo, nin veño á presidencia da Autoridade Portuaria a facer política, nin tampouco creo que sexa o lugar para facer política local.

«Terán que ser os técnicos de Sanidade os que digan se pode haber un centro de saúde na antiga Comandancia»

Un porto, e máis no caso de Vilagarcía, insírese nunha cidade coa que debe convivir, o que non sempre é doado. Cores Tourís asegura chegar á presidencia cunha man tendida ao alcalde.

-Qué tal é a súa relación con Alberto Varela?

-O alcalde coñéceme ben da miña etapa como delegado da Xunta. Nese tempo conseguíronse cousas, coma os obradoiros de emprego, dos que Vilagarcía chegou a ter tres nun ano, se non me trabuco. Esas xestións de formación e emprego movíanse dende a delegación. É só un exemplo. Sempre houbo unha boa relación, e vaina seguir habendo, tanto no persoal coma no institucional. Aínda que, loxicamente, cada un de nós defenderemos os nosos intereses. Terá que haber vontade de diálogo, e xa llo dixen a el tanto cando me chamou para felicitarme polo nomeamento coma na toma de posesión. Vontade de entendemento, toda.

-O certo é que na etapa anterior, con Sagrario Franco, houbo un par de liñas vermellas que provocaron moitos problemas entre o Concello e o Porto. Dígame, ve vostede un centro de saúde na antiga Comandancia Naval?

-Mire, eu non son técnico, e terán que ser a Consellería de Sanidade e os seus técnicos os que digan se pode haber un centro de saúde na antiga Comandancia. Se esa é a opinión dos técnicos, sentarémonos a falar.

-Non pecha ningunha porta?

-Claro que non. Pero xa con Sagrario lembro que se considerou que, tal e como se enfocan hoxe en día os servizos sanitarios, non era a localización máis idónea, e falarase de buscar outra parcela. En todo caso, se os técnicos consideran que si o é, estaremos abertos a falar de todo. Por outra banda, alí están o clúster da función loxística de Galicia, as oficinas dos sindicatos ou a Asociación de Jóvenes Empresarios. Un edificio así non debe estar a medio gas, e pode ter outros usos. Pero é un tema que haberá que abordar pouco a pouco.

-Outra desas liñas vermellas é a liberación do Ramal e a construción dun hotel. Vostede cre que ese é un proxecto necesario?

-Ben, é unha cuestión da que se leva falando vinte anos e se recolle nun convenio. É un proxecto interesante para o Porto, porque se integra toda esa zona da cidade, e os ingresos que obteríamos coa venda deses terreos reinvestiríanse no Porto. É un lugar estratéxico, pola súa posición tan preto dunha praia que sempre foi a praia de Santiago, e entendo que sería moi interesante para o potencial turístico de Vilagarcía. Tanto para a cidade coma para o Porto tamén sería importante liberar O Ramal. Pero nós precisamos ter listos novos espazos portuarios para compensar a renuncia a esas naves, porque a súa capacidade fai moita falta.

Martina Miser

«¿Retiro dourado? Non quero retirarme tan pronto, home, acabo de cumprir sesenta anos»

 

serxio gonzález

Dende un punto de vista máis persoal, o presidente entende que o seu perfil pode ser útil á hora de buscar novos tráficos e traballar xunta os operadores.

-Permítame unha dobre pregunta de sentido inverso. Que pensa que lle pode aportar vostede á Autoridade Portuaria?

-Creo que son unha persoa con experiencia a nivel político e de xestión. Considérome, non un relacións públicas, pero si unha persoa con man esquerda para tratar de vender Porto cos operadores. Debemos intensificar os tráficos e poñer esta plataforma a disposición das empresas. Temos, nesta gran área de influencia formada por tres comarcas, empresas potentes de diferentes sectores que dan emprego a milleiros de traballadores. Dando entrada e saída os seus produtos, estamos beneficiando o tecido empresarial e a eses miles de postos de traballo. E tamén un bo labor de contacto permanente.

-E ao revés, que lle aporta o Porto a vostede logo dunha traxectoria tan longa? Sabe que hai quen fala dun retiro dourado...

-Non quero retirarme tan pronto, home, acabo de cumprir sesenta anos. A ver, os cambios que fixo o presidente Feijoo foron políticos, si, pero cun perfil de xestión moi importante. Está moi claro en Vigo e na Coruña. Ao presidente de Ferrol coñézoo menos. E en Marín sigue José Benito Suárez, que é un todoterreo, sempre disposto a negociar e dialogar. A partir de aí, o traballo, quen o quitan adiante son os traballadores dos portos. En Vilagarcía temos un equipo excepcional, con xente de moita experiencia, e imos tratar de mellorar a xestión nun momento tan complicado coma este.

-Dígame, con sinceridade, algunha vez pensou que alguén de Cambados ía presidir o Porto de Vilagarcía?

-Si, ho. Son de Cambados, pero esta comarca está moi unida, aquela rivalidade foise deixando. Eu recordo o exemplo da integración de Vilagarcía na mancomunidade, cando eu era o presidente, con Jorge Meaño como alcalde independente de Meaño e Javier Gago en Vilagarcía. Era fundamental para poder acceder a fondos europeos, xa que en Vilagarcía está case o 40 % da poboación. E había xente da comarca que non estaba de acordo, mesmo en Cambados. Pero fíxose, e iso axudou a fortalecer a comarca. O Salnés é case un municipio, hai unha unión fundamental e practicamente non hai distancias, con moitos servizos mancomunados. A rivalidade, home, pois si que existía no fútbol. Sendo Fole alcalde de Cambados, logo dun partido duro, o árbitro pasou toda a noite no calabozo... pero foi para protexelo!

-É tamén un home de partido.

-Sen dúbida. Vostede mesmo escribiuno hai pouco. E secretario xeral do PPdeG na provincia.

-Dende a secretaría xeral, vería vostede a alguén de fóra de Vilagarcía presidindo o PP local?

-Terá que ser de aquí, iso está máis que claro. Non ten que vir ninguén. Vilagarcía é un sitio aberto, no que vive e traballa moita xente. Hai que empezar por unir os que puideron marchar cabreados e integrar xente nova.