O Concello de Cambados leva gastados 201.000 euros en limpeza e materiais contra a pandemia

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

A administración local da vila do albariño traballa en paralelo en «axudar o comercio local a reactivar a súa economía da man da asociación de comerciantes Zona Centro

20 nov 2020 . Actualizado a las 09:45 h.

O gasto total da administración local de Cambados motivado pola pandemia, ata o mes de outubro, ascende a 201.222,36 euros, «investimento que se fixo dende o Concello, sen recibir pola contra ningún tipo de axuda extraordinaria nin da Xunta de Galicia nin do Estado», segundo informa o concelleiro de Economía e Facenda da vila do albariño, Xurxo Charlín.

No reforzo de limpeza de edificios públicos (centros de ensino, centros culturais e centro de saúde) empregáronse 49.960 euros; en máscaras para a veciñanza e comercios e equipamento de protección individual para os traballadores municipais o gasto ascende a 48.960 euros; en materia de Servizos Sociais (axuda no fogar e reparto de alimentos), foron ata o peche de outubro 37.600,44 euros; en adquisición de equipamento e obras de adaptación nas instalacións municipais para prevención da pandemia investíronse 30.174 euros; na compra de xel hidroalcólico e dispensadores, 16.336 euros; en campañas de publicidade e prevención do coronavirus covid-19, 9.652 euros; e en test de diagnostico de covid-19 para ao persoal municipal, 3.820 euros.

Ademais de todo o anterior, «o Concello de Cambados segue traballando para axudar o comercio local a reactivar a súa economía da man da asociación de comerciantes Zona Centro a través de campañas informativas e de reparto gratuíto de material de prevención», subliña Xurxo Charlín.