Cambados visibiliza a recuperación do seu patrimonio local amosando parte do sistema hidráulico do convento

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

Onte, co gallo do Día Mundial do Patrimonio, a Concellería do ramo da administración local procedeu a colocar no xardín da igrexa parroquial unhas pezas abandonadas nunha finca de Beleco

17 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos sinais de identidade que están a resaltar no mapa a Cambados como destino turístico é a súa entrega decidida pola conservación e pola recuperación do seu patrimonio histórico-artístico. Onte, co gallo do Día Mundial do Patrimonio, a Concellería do ramo da administración local procedeu a colocar no xardín da igrexa parroquial unhas pezas do sistema hidráulico do século XVI do Convento Franciscano. Pezas abandonadas nunha finca de Beleco ata a súa recuperación por parte do Concello, que agora llelas ofrece aos seus veciños e visitantes como parte da súa paixase urbana, e a modo de gancho para espertar o interese por coñecer algo máis do pasado da localidade.

Así, acompañando as pezas, colocouse un panel explicativo feito por Gumersindo Mosteiro, que permite ao curioso introducirse na historia do Convento da Concepción de Cambados, erguido polo mercader Xoán de Abal e a súa muller, María Pérez de Leiro, de familia de escudeiros, para unha comunidade franciscana procedente da Custodia da Illa de San Simón a partir de 1578 sobre a horta e lagares do crego Rodrigo de Lamas. Rematado o convento no 1588, e ampliado no 1612, o recinto contaba cun sistema hidráulico que conectaba dúas minas furadas nun extremo da horta da Casa da Granxa ou Pazo da Capitana por dúas levadas labradas en pedra, desembocando nunha única peza que enchía o estanque da granxa de Beleco e corría a auga pola finca ata a horta dos frades.

Urbanizadas a granxa e a horta aos poucos desde os anos 60 do século XX, fóronse perdendo, xunto co seu sistema hidráulico coa súa levada. Ata a intervención municipal. Unha actuación integrada nunha serie de actividades que ao longo deste ano van poñer en valor, portexer e divulgar o patrimonio histórico do pobo de Cambados ás portas dun 2021 no que se celebrarán os 20 anos da declaración de Ben de Interese Cultural do conxunto histórico-artístico do municipio. Aniversario que levou o Concello a estrear un logo sobre a efeméride co selo municipal de 1850.