O Mercado das Flores de Cambados trasládase do Salón Peña á Calzada

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O Concello instalará 22 casetas, unha para cada posto de venda co que contará a actividade este ano

29 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Mercado das Flores de Cambados abrirá mañá as súas portas. Só que nunha ubicación diferente a que ocupara nos anos anteriores. Mudando o interior do Salón Peña polo Paseo da Calzada, onde o Concello de Cambados instalará 22 casetas, unha para cada posto de venda co que contará a actividade este ano.

O cambio, explicaba onte o concelleiro do goberno local Xurxo Charlín, obedece a dous motivos: «Porque Portos -de Galicia, titular da instalación- non autorizou o evento, e aparte, porque é mellor facelo nun espazo ao aire libre polas restricións polo covid-19».

Así, o Paseo da Calzada recuperará en pleno outono o aspecto característico que adquire con cada edición estival da Festa do Albariño, só que para colaborar desde o Concello de Cambados cos profesionais do sector da flor, salienta Xurxo Charlín.

O Mercado das Flores abrirá mañá venres e o sábado de 9 a 20 horas, e o domingo de 9 a 14, cun protocolo co que se garantirá o cumprimento estrito das normas de prevención hixiénico-sanitarias ás que obrigan os tempos. Comezando por unha separación de 6 metros entre cada unha das casetas, cada unha cedida a un único produtor/vendedor, e a habilitación de pasillos para que a xente poida ver os postos sen cruzarse. Haberá ademais un aforo limitado a 150 persoas, controlado por gardas de seguridade, que se asegurarán do uso de xel hidroalcohólico por parte dos asistentes, aos que lles tomarán previamente a temperatura. Charlín animou os cambadeses a que «empecen a acudir o venres aos cemiterios para que non haxa acumulacións» de xente neles.

O Grove pide que non se pase máis de 30 minutos no cemiterio

O Concello do Grove fixo onte un chamamento público aos seus veciños e aquelas persoas alleas ao municipio que o 1 e 2 de novembro, días de Todos os Santos e Defuntos, vaian acudir ao cemiterio meco. Concretamente, aconséllalles que a duración das súas visitas non exceda dos 30 minutos e que se se desprazan en grupos, que estes non superen as catro persoas, da mesma familia ou conviventes. O goberno local fixará un sistema de circulación de persoas polo camposanto municipal e disporá dispensadores de hidroalcol nel.