Os que limpan

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

CAMBADOS

29 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moitos virus, ademais do covid-19. Comprobámolo estes días no vídeo viral (as barbaridades adoitan facerse virais) na que unha manda de adolescentes arrincan dous bancos instalados polo Concello de Cambados coas cores do colectivo LGTBI. Como boa manda, a rapazada grávase en vídeo mentres os sacan do seu emprazamento para metelos nun colector de lixo. Porque así é como consideran eses bancos coa cor do arco da vella que representa a pluralidade do ser humano: lixo, noxo, algo que non debe estar á vista. O máis abraiante do vídeo, sen embargo, non son tanto as imaxes canto as risadas, tan semellantes ás que temos escoitado noutras vexacións, que eles emiten mentres consuman a súa fazaña heroica. Risadas que os deixan sen respiración. Si, sen dúbida estaban a vivir un gran momento.

Haberá quen diga: son cousas de rapaces, trasnadas sen importancia, non é para tanto. Vale. Pero por esas trasnadas sen importancia, que non son para tanto, hai nenas e nenos que se suicidan. Non porque uns rapaces arrinquen bancos. O dos bancos é só un detalle máis do ambiente hostil e criminal que hai contra calquera que cumpra estes dous requisitos: ser diferente e ser feble. Por iso hai que educar no respecto e aceptación do diferente e por iso hai que atender, protexer e empoderar aos máis febles. Porque están sós, están soas, fronte dun mundo que os odia.

O vídeo, como calquera peza audiovisual que se soba ás redes, tiña un título. Estes, coma os nazis dos anos 30, os hutus e os tutsis, ou os falanxistas de por aquí, falaban de que estaban facendo «limpeza». Titularon o vídeo, «Limpando Cambados». A lóxica da intolerancia sempre gravita arredor do que se considera «sucio» e polo tanto que debe ser eliminado, e o que se considera «limpo» (puro, ario, decente, patriótico… tanto ten). A lóxica da intolerancia, en Alemaña, no profundo de África, nos Balcáns ou en Cambados é sempre a mesma liña de pensamento: alguén ten que limpar, alguén ten que velar pola decencia e menos mal que estamos nós aquí.