O Concello de Cambados volve convocar as axudas para emprendedores

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

Os beneficiarios poderán cobrar ata 350 euros por proxecto

17 oct 2020 . Actualizado a las 14:38 h.

Por terceiro ano consecutivo, a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Cambados convoca unha liña de axudas para apoiar proxectos de auto-emprego co obxectivo de que faciliten a persoas paradas a súa inserción no mundo laboral como traballadores autónomos. Poderán acollerse a estas axudas autónomos e pequenos e medianos empresarios, independentemente da forma xurídica coa que iniciasen a súa actividade. A empresa debe estar localizadda no municipio e a contía máxima reservada para este fin é de ata 375 euros por proxecto «Unha subvención que chega no mellor momento posto que axuda a sufragar os custos correntes do inicio da actividade», segundo explican desde o departamento que dirixe Fernando Patricio.

Nos últimos dous anos beneficiáronse destas axudas 49 autónomos de diferentes ramas : hostalaría, construción, centros de fisioterapia, lavandarías, salóns de beleza, auto-escolas, empresas de comercio on line e fotógrafos. O prazo de presentación de solicitude, será de quince días naturais contados a partir do día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO ou ata esgotar o orzamento que como nos anteriores exercicios mantense en 5.000 euros, cantidade que se podería ampliar.

Os beneficiarios terán que xustificar o cumprimento da finalidade da subvención e deberán someterse ás actuacións de comprobación por parte do Concello, ademais de manterse de alta dous anos na actividade. As bases desta convocatoria xa foron publicadas e atópanse dispoñibles no portal de Transparencia do Concello de Cambados.

«Cabe destacar que con estas axudas, o Concello de Cambados continúa coa política de apoio aos emprendedores, axudas que se teñen que sumar a outras liñas de actuación que se están a levar a cabo como as numerosas bonificacións fiscais existentes para a creación de empresas e a contratación de traballadores, o viveiro de empresas o coworking e o viveiro industrial, a adhesión ao protocolo de colaboración da Xunta e a Fegamp Doing Business que acredita a Cambados como Concello Emprendedor», segundo explican desde o Concello.