Cambados aspira a liderar as protestas pola sanidade cunha gran manifestación

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

Tino Cordal pide a unión de todos os concellos da comarca para saír á rúa

15 oct 2020 . Actualizado a las 09:35 h.

O concelleiro de Sanidade de Cambados, Tino Cordal, anuncia que contactará nos próximos días coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés para «unir forzas ante un problema que afecta por igual a todos os centros de saúde da nosa comarca, coa finalidade de mostrarlle á Xunta de Galicia o gran malestar dos veciños e veciñas do Salnés ante o pésimo funcionamento e o abandono por parte do goberno autonómico da sanidade pública».

Esta unión, engade o portavoz de Somos, debe implicar a todos os grupos políticos de Cambados, a todos os concellos da comarca e debería dar pé á convocatoria dunha manifestación en Cambados logo de que pasen as restricións da fase 2 polo covid-19 que afectan a varios concellos da zona, segundo indica a través dun comunicado.

Cordal lembra que xa o 1 de agosto o Concello remitiu un escrito ao Sergas solicitando a mellora da atención sanitaria no centro de saúde de Cambados «ante as numerosas queixas que se estaban a recibir no Concello e o retraso nas citas de atención primaria, solicitando que se tomaran medidas». O 9 de outubro enviou outro escrito na mesma liña e, a día hoxe, ningún dos dous obtivo resposta, segundo informa o edil.

A este escrito súmase a colocación nas últimas horas no centro de saúde dunha pancarta contra a situación da sanidade, pola que o Concello quere dar mostra do malestar que existe respecto a este asunto. Outras medidas pasan por invitar aos veciños a que reclamen ante o Sergas a través duns impresos que se distribúen desde a oficina municipal de consumo.

As protestas na rúa comezaron o sábado pasado cunha concentración convocada polo BNG -que secundou o PP e Pode, pero non o PSOE nin Somos- e podería haber novas mobilizacións en breve. O grupo nacionalista non desbota esta posibilidade e Cordal lanzou xa a súa invitación a manifestarse en Cambados.