Cambados entra no club de Vilas en Flor na procura de premio

Bea Costa
B. C. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

Compite con outros 27 concellos galegos polas Flores de Honra

02 oct 2020 . Actualizado a las 17:22 h.

O Concello de Cambados quere poñer o pobo bonito e que mellor cas flores e as plantas para embelecer un lugar. Segundo informa a alcaldía, estanse facendo esforzos para sacarlle o mellor partido ás macetas, xardíns e demais espazos verdes do municipio e agora aspiran a conseguir premio por elo mediante a súa participación no certame Vilas en Flor, dirixida a concellos galegos de menos de 40.000 habitantes.

O obxectivo desta iniciativa, organizada pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), é potenciar as rutas de sendeirismo así como mellorar os parques e xardíns. «Vilas en Flor segue o modelo existente noutras comunidades como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá», segundo explican desde a organización.

E como os galardóns son o mellor aliciente, o certame reparte as Flores de Honra en cinco niveis. O xurado que decide ao respecto visitará os municipios participantes no último trimestre do ano co fin de elixir aos concellos mellor coidados desde o punto de vista paisaxístico e medioambiental. O cambadés presenta como os seus principais avais a plantación de especies de arborado autóctono; a instalación de elementos interpretativos nos espazos naturais; a celebración de obradoiros de emprego de xardinería; o uso de sistemas de rego atendendo ao horario solar ou a posta en marcha de programadores para diminuír o consumo de auga; a limpeza de lixo dos espazos públicos e a eliminación de plantas invasoras, entre outras medidas.