O Concello de Cambados inclúe ordenadores e máscaras nas axudas ao ensino

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MONICA IRAGO

A partida para ensino e transporte escolar, 31.300 euros, cuadriplica a cantidade de hai cinco anos, segundo destacan desde o goberno local

27 sep 2020 . Actualizado a las 13:27 h.

As axudas municipais para o ensino do Concello de Cambados veranse reforzadas este ano co fin de afrontar as necesidades que xorden polo covid-19.

«O goberno municipal, preocupado pola situación de crise sanitaria que estamos a vivir, está a facer tódolos esforzos posibles para incrementar as axudas a veciñanza e entidades sen fins de lucro do noso municipio. Incrementáronse as axudas ao estudio e transporte escolar neste ano, que van chegar a un maior número de familias, ademais de manter o noso compromiso social coas entidades sen fins de lucro nesta situación de pandemia», segundo explican desde o bipartito.

Unha das novidades é que as axudas para o ensino van poder destinarse á adquisición de tabletas dixitais e ordenadores coa fin de que os estudantes poidan realizar as tarefas escolares na casa, así como para o subministro de máscaras e xeles hidroalcohólicos.

O total da partida destinada a axudas ao ensino é de 120.000 euros. Ao transporte escolar destínanse 31.300 euros, o cal cuadriplica as axudas de fai cinco anos, segundo informa o goberno municipal. A esta medida súmase o incremento no importe das axudas a cada estudante. Así as axudas para primaria, secundaria, bacharelato, FP, universidade e ensinanzas artísticas superiores e conservatorios pasan a 150 euros por alumno, que no caso do alumnado con necesidades educativas especiais pode acadar os 200 euros.

No que atinxe ao transporte, os estudantes que cursen estudios fóra de Cambados percibiran unha axuda de 150 euros, e no caso de estar a máis de 30 quilómetros o centro educativo, vai ser de 200 euros.

As bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e poden ser consultadas no Portal de Transparencia do Concello de Cambados para que as familias teñan acceso á toda información de xeito áxil e fácil. «Agárdase que estas axudas estean resoltas dentro dos prazos aproximados do pasado ano», segundo informan desde o Concello cambadés.