A ría en calma que deu un gran mariño 

A necesidade e o amor polo oficio marcaron a vida do cambadés Alejandro Pérez

B. C.
cambados / la voz

Como movido polos recordos de xuventude, Alejandro Pérez Castro camiña dificultosamente ata o antigo peirao de Cambados situado nunha zona agora concorrida polo tráfico matutino e as présas da xente que vai e vén á praza de abastos, ao mercado ou centro de saúde. «Antes isto nin sequera estaba aquí», di sinalando a casa do mar. Antigamente, o mar constituía un recurso inesgotable co que non morrer de fame: «Íase porque non quedaba outra, porque necesitabamos comer», sinala Alejandro. «Agora a xuventude que vai ao mar ten escola, está preparada doutra forma».

Alejandro ten agora 77 anos. Nado e afincado dende sempre entre as augas de Cambados, comezou indo ao mar desde moi novo, con nove anos: «Miña nai morreu de repente, con trinta e poucos anos, e meu pai, que era labrador, quedou a cargo de catro fillos», conta. De feito, el é o máis pequeno dos irmáns, e mentres as rapazas ían á fábrica, os homes da familia foron recrutados por un curmá materno para ir nun pequeno barquiño: «Ao principio meu pai non quería que fora, eu era moi pequeno, nin sequera fixera a primeira comuñón».

«Cando comecei ignoraba moitas cousas, pero xa sabía que me gustaba o mar e acabei aprendendo». Nese pequeno barco navegaba pola ría e «pola noite, os días que non iamos a por conguitos -pequenas nécoras que se usaban como abono-, eu ía a escola. Era nunha casa particular, a muller nin sequera era mestra, pero, polo menos, aprendín a ler e escribir». Polo día a súa labor consistía en escoller as ameixas e as ostras que logo vendían no peirao. Con catorce anos puido enrolarse noutro barco cun veciño de Cambados e, tras cumprimentar a documentación, por fin puido ter un seguro. Nese momento xa pescaba por fóra da ría, ía ao xurelo e á sardiña. «Antes ir ao mar era moito máis duro. Recordo ir ás navallas por alá por febreiro, antes non había traxes de neopreno nin nada, o frío era incrible», comenta.

Con 23 anos, a punto de casar, Alejandro viu a oportunidade de implicarse nun proxecto máis grande. A necesidade económica e o soño de poder xuntar cartos para facer unha casa na que vivir coa súa familia foron as súas grandes motivacións: «Tivemos que coller o mercante en Bélxica, fomos en coche, nunha especie de taxi», lembra. Dende alí, o máis habitual era que os meses de inverno estiveran fóra, para volver en primavera e no verán para traballar ao marisco en Cambados onde «gañabas moito máis».

Os mercantes nos que viaxou Alejandro portaban whisky, café, madeira e outro tipo de produtos. Grazas a isto, o mariñeiro puido percorrer o globo de norte a sur e de leste a oeste: Conakri, Nixeria, Rusia, Italia, República Dominicana... son só algúns dos destinos que viu Alejandro dende a cuberta dos mercantes. «Non che emocionaba ver estes sitios porque botabas moito de menos á familia, nunha ocasión case estiven un ano sen volver á casa», afirma Alejandro.

O mariñeiro traballou tanto en mercantes -con tripulacións de ata corenta mariñeiros- como en pequenos barcos. «Había xente de todas as partes do mundo, incluso moitos orfos que ninguén reclamaba e que vivían mellor alí que nos centros de acollida», comenta. Ante tanto conglomerado de nacionalidades, Alejandro conta cun sorriso que, ante situación deste tipo, «fas por entenderte, aínda que sexa por sinais».

Tras tres anos de viaxes afastados da casa, mudou os mercantes polo traballo nun ferri xunto ao seu irmán. «Como a el non lle gustaba moito e eu defendíame mellor noutro traballo decidimos volver á casa».

«A min gústame o mar porque o collín co corazón na man»

Co regreso definitivo ao fogar, Alejandro Pérez tiña que decidir se afastarse definitivamente do mar e traballar noutros eidos ou facer unha aposta por ter algo propio: «Sería arredor dos oitenta e eu tería máis ou menos trinta ou trinta e poucos anos cando decidín comprar un barquiño co que ir aos berberechos e aos rabiosos, que tiñan unha costra moi dura». Foi unha etapa máis ou menos próspera, incluso lle ofreceron algunha batea, «que naquel tempo todo o mundo se desfacía delas, pero ao final non a compramos». A pesares disto, o home recoñece que practicou o furtivismo nalgunha ocasión, froito da necesidade, aínda que os moitos controis e as elevadas multas que podían impoñer facían que fose unha práctica demasiado arriscada.

Alejandro recoñece que gañar cartos no seu tempo custaba máis que agora: «Se tiñas 500 pesetas, o que hoxe serían tres euros, xa saltabas. Agora tres euros gástalos en calquera cousa», e continúa: «Neste tempo, os mariñeiros teñen moitos máis gastos que antes. A vida está cara, cada paso que das son cartos que gastas». Alejandro refírese a todos os custes derivados de equipo e materiais nos barcos que antes non había: «Teñen GPS, con catro ou cinco homes xa van ao mar e teñen traxes especiais de goma que lle facilitan o traballo, nos tíñamos soamente unha sonda que che indicaba a profundidade ou si había pedra baixo o barco. Agora saben hasta por onde van a vir os peixes».

A pesares das dificultades vividas, o tempo lonxe dos seus e os sacrificios feitos, teno claro: «A min gústame o mar porque collino co corazón na man. Pasei os meus sustos, os meus choros e as miñas risas, e aínda que, é verdade que é un traballo moi duro, é o oficio máis bonito».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A ría en calma que deu un gran mariño