Pénjamo colga as botas e convértese en novo adestrador do Juventud Cambados

A súa intención é conseguir a continuidade da maioría dos que xa son os seus excompañeiros de vestiario


Vilagarcía / La Voz

O Club Juventud Cambados xa ten adestrador para a vindeira tempada. Rubén Cornes, Pénjamo, vén de ser anunciado pola directiva da entidade como novo responsable do vestiario de Burgáns. Un cargo que asume tras poñer punto final á súa traxectoria como futbolista, que xa amagara con concluír no verán do 2019.

«Xa o ano pasado ía deixalo. Collera o equipo xuvenil do club e coordinaba a sección de fútbol 8 e custábame compatibilizar todo co meu traballo», lembra Pénjamo. E se entón a directiva conseguíu convencelo para continuar un ano máis exercendo de capitán no centro do campo cambadés, desta, coa decisión de colgar as botas sen volta atrás, os responsables do C.J. Cambados obtiveron o si de todo un home da casa para asumir a responsabilidade de dirixir o equipo de Preferente.

«Faime moita ilusión»

Con 31 anos, Pénjamo desenvolveu toda a súa carreira futbolística coa camiseta do Juventud a excepción dun par de tempadas no Unión Grove, vivindo o último descenso do equipo desde a Preferente, con Pacho Oliveira á fronte do vestiario. E tamén colaborando a rescatar deportivamente o conxunto arousán do pozo da Segunda Galicia para devolvelo á súa categoría natural, co plus da capitanía.

«Faime moita ilusión adestrar o Juventud. Son un rapaz de Cambados. Levo moitos anos traballando co fútbol base. O verán pasado saquei o título profesional de adestrador, o UEFA Pro (nivel 3). Dirixindo o Juventud seguirei enganchado ao mundo do fútbol», declara Pénjamo.

Os plans do novo técnico do C.J. Cambados pasan por «tentar renovar a máximo de xente posible» entre os que foron os seus compañeiros de vestiario a tempada recén pechada. «Sabemos que a vindeira tempada vaise dar unha situación moi complicada. Partimos cun dos orzamentos máis modestos da Preferente». En paralelo, «apostaremos por xogadores da canteira, recollendo o froito da aposta do club nos últimos anos». Unha vía que se reforzará o vindeiro curso tras conseguir a directiva o compromiso de Blas Charlín, director da academia do Celta en Campeche, México, para exercer como asesor da súa canteira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Pénjamo colga as botas e convértese en novo adestrador do Juventud Cambados