A elite arousá volve rodar nos equipos nacionais de piragüismo

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

CEDIDA (CLUB NAUTICO O MUIÑO)

Os Sub-23 María Pérez, Camila Morison e Iago Monteagudo están a traballar de novo en Sevilla, mentres que Natalia García faino en Madrid co grupo sénior de kayak feminino

25 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Foron dos primeiros en desescalar. E en facelo ademais a fondo. Unha vez que o goberno central permitíu a reapertura dos centros de alto rendemento, os padexeiros arousáns integrantes dos diferentes equipos nacionais esta tempada colleron a maleta e puxeron fin ao seu confinamento domiciliario para voltar a traballar ao máis alto nivel lonxe de Galicia. Os kaiakistas Iago Monteagudo e Camila Aldana Morison e a canoísta María Pérez, no C.A.R. de Sevilla cos seus respectivos grupos nacionais de tecnificación. Os dous primeiros, hai un mes, desde a entrada na fase 2 da desescalada. Morison, unha semana despois. Hospedados os kaiakistas masculinos e todos os canoístas Sub-23 do programa da Real Federación Española de Piragüismo nun hotel para eles sós, e noutro as kaiakistas, ao continuar clausurada a residencia do centro de alto rendemento andaluz. A grovense Natalia García, pola súa banda, regresou ao equipo nacional de kayak feminino absoluto en Madrid.

«Bien, la verdad es que bastante bien. Dentro de lo que cabe, tras dos meses sin remar, nos mantuvimos bastante bien», conta Morison (Náutico Pontecesures), unha das dez kaiakistas baixo a dirección do estremeño Fausto Moreno. Tras tres semanas en Sevilla, Camila goza nesta dun permiso na casa antes de iniciar unha concentración en Castrelo de Miño, onde agarda pasar todo o verán. Un periodo que Monteagudo e Pérez vivirán en Sevilla. Ou niso confían, por canto significaría, apuntan, que o covid-19 segue controlado, e que se pode retomar parte do calendario de competición.

«Todo o que sexa competir, benvido», din ante a posibilidade dun Europeo

«Cando o tivemos que deixar -pola corentena no estado de alarma sanitaria- estabamos no momento máis forte da tempada, a dúas semanas para o selectivo para as competicións internacionais Sub-23, e despois o selectivo para as absolutas», comenta o meisino do Naval de Pontevedra Iago Monteagudo. «Este é o meu último ano Sub-23. A miña prioridade era o K-1 1.000 -barco olímpico-, e estaba indo ben. Estaba moi motivado, quería facelo ben. Mesmo pausara os meus estudos de fisioterapia para apostar este ano polo piragüismo», sinala. De aí que «cando de repente nos quedamos sen nada, paseino mal».

É por iso que Monteagudo se anima ao falar das informacións arredor da posibilidade de que se reprograme a lo menos unha parte do calendario, tanto nacional coma internacional, entre agosto e outubro. «De momento se está a falar dunha copa e dun campionato de España, do Europeo Sub-23 e do Mundial Absoluto de Distancias non Olímpicas», explica. E se ben «está a haber rebrotes -do covid-19- e non se sabe», o discípulo do sevillano Jesús Buzón manifesta que «todo o que sexa competir, benvido sexa».

Na mesma liña se declaran as súas compañeiras arousás en Sevilla. «A verdade é que a posibilidade de volver competir este ano motiva. Eu teño ganas de competir», afirma a canoísta do Náutico O Muíño María Pérez, que traballa baixo as ordes dos romaneses Marcel e Georgina Glavan e mais de Germán García. No seu caso serviríalle para tentar avanzar na conquista dunha das prazas no C-2 500 chamado a pelexar o vindeiro ano por un pasaporte aos Xogos de Tokio no Preolímpico; coa vallisoletana Patricia Coco, compañeira da pontevedresa Antía Jácome no C-2 500 español que competíu, e ben, no último Mundial, optando por non regresar a Sevilla tras o confinamento.

Pola súa banda, Camila Morison di sobre a opción de despedir este inesquecible 2020 competindo na auga que «aunque no haya todavía nada confirmado, la posibilidad de competir nos hace entrenar con más motivación. Es un estímulo que no vamos a tener si solo podemos entrenar».