Arte, unha vacina contra a crise

Cambados botará man das exposicións para facer unha oferta diferenciada este verán


cambados / la voz

Ven aí un verán complicado. Tempos nos que a economía da bisbarra precisa dos visitantes, malia que vaian ser recibidos desta volta con distancias de seguridade e moitas máscaras. Ven aí un verán difícil, raro: un verán sen festas. Uns meses nos que a música e o viño, deixarán de ser un reclamo para atraer multitudes. O escenario esixe cambios no guión do estío arousán. E en Cambados, o concelleiro Tino Cordal xa está a traballar nese cambio de rumbo na programación que se desenvolverá na vila durante os meses de calor que se achegan. «Hai que esquecerse dos eventos multitudinarios e centrarse noutro tipo de oferta», di Cordal. E avanza por onde irá unha das liñas da súa proposta: «Este verán vai haber moita arte na nosa vila».

Falaba deste xeito o concelleiro de Somos Cambados despois da presentación da exposición En Tempos de Corentena, unha mostra que se inaugura hoxe, tecida pola man de vinte e catro artistas cambadeses. Annika Álvarez, Fernando Arenaz, Eduardo Baamonde, Adrián Baúlde, Manolo Busto, Mon Costa, Tino Chaves, Xurxo Durán, Guillermo Charlín, Jesús Gómez, Juan Fernando de Laiglesia, Brígida Leiro, Miguel Martínez Suárez, Chiño, Emérita Méndez, Martina Miser, Carlos Oubiña, Xan Paz, Luís Pazos, Moncho Pazos, Miguel Pérez Ramundo, Mariña Portas, Iria Ribadomar, Lino Silva e Alberto Sineiro enchen de pintura, escultura e fotografía o Espazo Torrado, blindado para a ocasión. Porque, como todo nestes tempos, ata a arte está suxeita aos protocolos sanitarios. Neste caso, tense reducido o aforo da sala de exposicións, na que só poderán entrar 48 persoas de cada vez. Deberán facelo, ademais, de forma ordenada, accedendo polo patín do pazo, seguindo o percorrido marcado, e conquistando a rúa polo camiño sinalado. É obrigatorio, tamén, o uso de máscara e o mantemento das distancias de seguridade.

Protocolos de seguridade

Agarda o concelleiro Tino Cordal que, ben protexidos, sexan moitos os veciños que visiten unha mostra feita polos seus e coordinada polo técnico de cultura, José Vahamonde, para quen onte tivo o concelleiro palabras de agradecemento.

Esta mostra con acento cambadés quere ir preparando o padal da vila para todas as que están por vir. Porque a intención do Concello é facer da arte un dos alicerces do turismo este ano, e dos que veñen.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Arte, unha vacina contra a crise