Cambados bonifica fiscalmente a máis de 2.500 veciños e negocios

p. p. Vázquez CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O Plan de Reactivación Económica do Concello inclúe 53 terrazas de hostalaría entre as súas actividades beneficiarias

30 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O goberno local de Cambados leva semanas concentrando a súa xestión en desenvolver o Plan de Reactivación Económica que deseñou co fin de servir de punto de apoio para o maior número de veciños e de negocios do municipio na lenta desescalada, pero tamén na nova normalidade que ninguén dubida virá acompañada dunha profunda crise económica.

Desde o bipartito cambadés infórmase de que o 27 de abril lle remitiu ao ORAL, o ente provincial no que a maior parte dos concellos teñen delegada a xestión de cobro das súas taxas e impostos, o decreto da Alcaldía que establece a bonificación fiscal no imposto de terrazas dos 53 locais de hostalería de Cambados desde que procederon ao seu peche polo estado de alarma e ata que poidan volver abrir con normalidade unha vez remate este.

Ademais, informa o goberno local, son 483 os negocios de hostalería e do comercio minorista da vila do albariño beneficiados de oficio da redución ao mínimo legal esixible do imposto do lixo. Unha medida que lles permite pagar tan só 29 euros ao trimestre, fronte aos 150 habituais no caso dos comercios, e entre 200 e 300, segundo o tamaño do local, no dos bares e cafeterías.

A nivel particular, o bipartito tira dos datos do ORAL para salientar que Cambados é o concello pontevedrés xestionado pola oficina de recadación provincial «que maior número de bonificacións fiscais ten», con 2.184 dos seus veciños beneficiados da política seguida polo goberno local.

Desde este anímase a calquera particular e negocio de Cambados a solicitar as diferentes reducións de taxas e de impostos, e a tirar das medidas de flexibilización de pagamento das mesmas implantadas nas últimas semanas. Nesta liña, o Concello da vila do albariño prepara un modelo de solicitude que simplifique e axilice a tramitación das bonificacións por parte daqueles negocios que non se teñan acollido xa a elas. Unha medida que sucede á aprobación dun novo calendario fiscal municipal para este ano, atendendo ás semanas de parálise total polo estado de alarma.