As librarías regresan á actividade navegando entre os xéneros do suspense e da aventura

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Follas Novas bota números sen fixar día de reapertura, e nas Nobel de Vilagarcía e de Cambados ven unha recuperación lenta

10 may 2020 . Actualizado a las 19:38 h.

O das librarías é un mundo tinguido de romanticismo desde que a imaxe reproducida pasou a valer máis ca mil palabras. Un romanticismo que remata distorsionando a realidade dun negocio movido polo espírito dos seus emprendedores, pero tan necesitado como o que máis do prosaico sustento económico. Atrás quedan 50 días sen abastecemento na primeira gran batalla da guerra de trincheiras contra o covid-19. Mercar un libro no minguante listado de negocios especializados en Arousa volve ser posible desde o pasado luns. Pero a desconxelación neste mundo de papel, tinta e o pracer de reencontrar, dinnos varias voces autorizadas, será lenta, e azarosa. O inicio dunha novela pendente de cualificación, entre os xéneros do suspense e da aventura.

espacio lector nobel vilagarcía e cambados

«A desconxelación vai ser lenta». O carrilexo Carlos Blanco é o xerente de Espacio Lector Nobel, unha cadea de librarías nacida en Vilagarcía, que hoxe conta con dez establecementos propios e 18 franquiciados en España. Deles, catro no Salnés. Os de Vilagarcía e de Cambados, propiedade da matriz, non pecharon na corentena, ao vender tamén papelaría e prensa, servizos catalogados de básicos polo goberno central. «Abrimos máis por servizo, para non deixar colgado o cliente de prensa, xente maior, que por negocio, ruinoso, porque non se podía vender libro», explica Blanco. Cunha excepción, os pedidos pola súa web. Pero se ben a canle online «funcionou, aumentamos arredor dun 75 % respecto as vendas habituais por esta vía», o certo é que o punto de partida eran «cifras residuais» no volume de libros despachados no mundo previo ao covid-19, e foron sobre todo «libros de lectura recomendados nos coles e de actividades escolares». O luns Espacio Lector Nobel apartou as mesas colocadas nas entradas dos seus locais a modo de mostrador-valado para deixar o paso franco ás librarías. Unha xornada da liberación máis simbólica ca festiva: «Notamos que a xente se alegra de que se poidan volver comprar libros. Pero a xente segue concienciada de que debe saír pouco. O que temos agora é unha venda máis por necesidade, que de impulso». E iso é un gran problema, cando, apunta o xerente arousán, «no noso negocio do libro un 50 % das compras eran por necesidade, e outro tanto dos que mercaban despois de botar un bo rato collendo e ollando libros». Cos sinais da guerra contra o covid-19 ben visibles resulta difícil pensar no pronto regreso destoutro cliente. Mamparas blindando os mostradores. Fronteiras delineadas no chan. E multitude de manchóns licuados espallados polo local en forma de dispensadores de hidroalcol, acompañados de letreiros e da recomendación constante do persoal do seu uso antes e despois de catar un obxecto que transcende a materia coa axuda necesaria do tacto e do tempo. Toca agardar a ver ata que punto este cliente, o que marca a diferenza entre o vivir e sinvivir dunha libraría, se adapta á convivencia obrigada coas novas medidas de hixiene tan ben como o fixeron xa os locais de Nobel. «Isto foi conxelar, e volver desconxelar. Para nós vai ser lenta a desconxelación», vaticina Blanco, que o luns só sacou do ERTE a metade dos catro traballadores de media das tendas propias da cadea fóra do Salnés, onde mantén en ERTE a un dos seis empregados en Vilagarcía, agardando a que a cousa volva despegar para recuperar a un eventual da de Cambados.

follas novas

«Preferimos agardar unha ou dúas semanas máis, e analizar ben os números». Dous anos fixo o pasado decembro o mítico rótulo de Follas Novas campando en Vilagarcía. Máis de dous anos convertida na libraría de referencia de Arousa, con máis de 34.000 títulos dispoñibles para todo tipo de lector. Levantado o veto á actividade do sector o día 4, os seus propietarios, os irmáns Beatriz e Gustavo Silva Calveiro, decidiron non reabrir; nin na Fase 0, nin todo apunta na Fase 1 da desescalada. «Este luns -por mañá- tampouco imos abrir», informa Beatriz. O motivo, que «teriamos que facelo nas mesmas condicións ca antes do peche», perdendo o colchón do ERTE no que se atopan as tres empregadas da libraría, ela entre elas. Así llelo dixo a súa xestoría a falta de ver impresos no BOE os anuncios de que o goberno central vai flexibilizar ERTEs como o do seu sector, e facelos compatibles coa reactivación de cada negocio. No seu caso, nun local cunha media de dez potenciais clientes ao día entrando pola porta antes do covid-19, prevendo que «as vendas non van ser nin a metade. No momento en que abramos a porta, cunha persoa creo que vai sobrar» nos primeiros momentos, reflexiona Beatriz. «Temos que botar números. Facer as cousas con sentidiño», di. Buscar o bo camiño mentres superan o mal trago dun 2020 que prometía grandes alegrías antes do 14M. «¡Co ben que iamos este ano, subindo un 20 % na campaña de Nadal! ¿Quen pensaba semellante cousa?».