Aire puro para o club dos máis de 2.000 quilómetros corridos en confinamento

p. penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Cedida

Os integrantes do equipo sénior do Clube Atletismo Cambados-Seguros Noval aproveitaron a primeira oportunidade de poder volver gozar do trote ao aire libre

03 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

M áis do 75 %, dinos Fernando Patricio. Máis dun de cada tres dos 97 integrantes séniores do Clube Atletismo Cambados-Seguros Noval, conta o seu presidente, saíron onte ás rúas, pistas e montes da vila do albariño para facer o que máis lles gusta: correr ao aire libre. «A xente tiña moitas ganas de saír», afirma. Para volver sentir a sensación do vento e da luz do sol nas súas caras, sen filtros. Eses ingredientes que completan o cóctel de moda entre unha boa parte dos deportistas afeccionados do país, atrapados pola paixón de queimar quilómetros ao trote. 

Esta última parte da ecuación, a de avanzar á carreira, non a borrou en ningún momento a xente do C.A. Cambados-Seguros Noval durante os case 50 días de confinamento previo ao permiso para volver facer exercicio fóra das casas. Quen máis, quen menos, buscouse a vida para seguir facendo traballar as pernas. Algúns, mesmo con varios centos de quilómetros nelas en tempo de corentena. A base de rodillo, cinta ou mesmo escaleiras, foron máis de 2.000 os quilómetros cubertos, conta Fernando Patricio, tan só polas dúas decenas de compañeiros que botaron man da aplicación Strava para contabilizar os seus rexistros. E iso unicamente no mes de abril. Sen dúbida, había ganas de botar a correr en Cambados. Mantendo as distancias de seguridade, de entre 3 e 4 metros por consello do club, que prefire ir máis aló do que pide o goberno consciente de que o primeiro é o primeiro.