«As impresoras é imposible conseguilas e hai moita demanda das ?webcam?»

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

A venta de telefonía móbil e a reparación crece coa crise, pero as restricións á potabilidade lastran os ingresos do sector

25 abr 2020 . Actualizado a las 11:32 h.

Que se che avaríe o ordenador, o teléfono móbil ou o cargador pode ser un problema grande nestes tempos. Os desprazamentos para comprar ou reparar equipos e accesorios están autorizados, pero moitas tendas están pechadas ou reduciron horarios. Os clientes teñen menos oferta e os negocios ven como se reduciu a demanda debido ás restricións impostas nas operacións de portabilidade fixa e móbil. Pese a este panorama, Juan Piñeiro, de Soluciones Informáticas Móviles, con tenda na avenida de Vilariño (Cambados), mantén as portas abertas agardando a que o covid-19 dea tregua.

-A que atribúe os peches na competencia?

-Penso que é por medo ao contaxio e porque, ao estar prohibidas as portabilidade, baixou moito a actividade.

-Canto representa no seu caso?

-Pode ser un 35 %. Se estiveramos todos [tendas do sector] traballando, non sei se nos compensaría estar abertos.

-Que se vende máis estes días?

-A xente demanda moito impresoras e as webcam (cámaras web). As impresoras é imposible conseguilas, as que custan entre 100 e 120 euros están esgotadas.

-Supoño que a culpa é do teletraballo e das clases virtuais...

-Si, os nenos da escola teñen que imprimir moito material, de feito véndese moita máis tinta que antes, e o teletraballo fai que todo o mundo queira unha webcam. Hai moita reparación de ordenadores, porque a xente necesita que lle vaian ben os equipos, e a telefonía móbil tamén estase vendendo ben.

-Soben os servizos de reparación. É lóxico, canto máis uso máis avarías...

-Si, reparamos teléfonos, ordenadores, tabletas dixitais..., e tamén vén moita xente a que lle expliques como vai o tema. A maioría é xente maior que quere ter Internet no móbil para falar coa neta ou co fillo. Non saben, pero queren saber.

-Esta crise está poñendo en evidencia a dependencia cada vez maior que temos da tecnoloxía, estou a pensar no teletraballo ou no xeito de consumir ocio. Como cre que afectará esta situación ao sector a curto prazo? Cambiarán os hábitos de consumo?

-Non sei que dicirche..., eu creo que non, vai seguir todo igual. Despois da crise a xente vai estar moi queimada, agora estás conectado porque non che queda outra, pero logo a xente vai a calmarse.

-Falaba antes de que non hai impresoras. Está afectando a carestía dalgúns produtos aos prezos?

-Máis ou menos todo segue igual. No caso das impresoras tes que irte ás máis caras e pagar 30 ou 40 euros máis porque das máis básicas non quedan.

-Como afrontan o día a día? Traballan con protección e respecta a clientela as medidas de seguridade?

-A maioría vén con guantes e mascarillas e gardan as distancias, a xente é bastante correcta, e nós temos mascarillas e unha pantalla de metacrilato.

-Están advertindo de que as pantallas dos aparellos dixitais poden ser un foco de contaxio, que opina?

-Eu non son científico, pero non lle vexo moito sentido. Entendo que un virus ten que vivir nun corpo vivo, non nun teléfono...

-En todo caso, de ter que desinfectar a pantalla, que produto recomenda empregar?

-Eu usaría o xel desinfectante das mans, pero con coidado, porque os líquidos son condutores de corrente.

-Para rematar, que opina do plan de axudas para os autónomos?

-As únicas que hai para nós son para perdas de máis dun 75 % dos ingresos e penso que non imos chegar tan alá. Entendo que a situación é mala para todos, pero, polo menos, deberiamos ter axudas ao aluguer e aos pagos á Seguridade Social porque as ventas baixaron moito estes días. Se estou aberto é porque hai uns gastos mensuais que hai que pagar e non podo vivir sen traballar.