Edu Charlín, sobre a súa destitución: «Ás veces a confianza dá noxo»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O xa ex técnico do Juventud Cambados carga contra a directiva pola súa decisión, e pola súa permisividade con algúns futbolistas pese ao criterio do adestrador

08 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Edu Charlín arrincaba a semana co mal trago de saberse destituído pola directiva do Juventud Cambados á fronte do equipo de Preferente. Unha decisión que nin comparte, nin comprende, nin ante a negativa xeira do conxunto de Burgáns nas seis últimas xornadas, nas que só foi quen de sumar 1 punto. Logo de devolver o Juventud á Preferente como subcampión do Grupo 5 da Primeira Autonómica, e de protagonizar unha tempada excepcional na súa reestrea na categoría, cun quinto posto, Edu abandona o vestiario do cadro da súa vila do albariño co equipo decimocuarto 3 puntos por enriba da zona de descenso virtual, e coa conciencia tranquila: «Din o 120 %, cousa que non pode dicir todo o mundo».

O técnico cambadés maniféstase aberta e duramente crítico coa directiva que o vén de cesar, e tamén co seu xa ex cadro de xogadores. Á primeira aféalle que non o tivera advertido de que o seu posto corría perigo, pese a que «todos os días estaba en contacto con Fol», directivo e coordinador deportivo do club, ata o punto de que «estabamos tentando pechar a fichaxe dun defensa. Tomaron a decisión sen falar comigo». Inda que «algo se mascaba», di Charlín: «Hai xente que está a enlamar. Se alguén gañou o creto para estar aquí, son eu, que collín o equipo en Rexional. Creo que á directiva lle puido a presión. O noso proxecto estaba encamiñado a non pasar apuros e sumar canto antes 50 puntos, pero todos os equipos teñen malas xeiras. Creo que tiña dominada a situación». Edu entende que o feito de ser cambadés lle facilitou a decisión á directiva: «Había a confianza de que son de aquí, e ás veces a confianza dá noxo».

O adestrador fala da «permisividade excesiva da directiva con algún xogador» para o que pedíu medidas internas, e sitúa o foco do problema en que «o equipo adestra ben, pero nos partidos non compite. Eu dáballes moita información aos xogadores, pero logo non a aplicaban. Faltaba competir, e estar activos nos partidos. Se os xogadores non poñen da súa parte, non podemos facer nada». Hoxe (Burgáns, 16.30 horas) o segundo de Charlín, Jhon Ríos, dirixe o equipo ante o Barbadás, sexto.