O Concello de Cambados concede 16.000 euros a Esperanza Salnés e propón outra axuda para Xironsa

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O goberno local anuncia que, ao abeiro dos orzamentos municipais de 2020, quere propoñer aos grupos da oposición a posibilidade de aumentar a partida orzamentaria para as axudas ás entidades sen animo de lucro

14 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cambados renova o seu compromiso coa asociación de axuda a persoas con discapacidade intelectual Esperanza Salnés coa concesión dunha axuda de 16.000 euros. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar esta axuda nominativa, coa que a asociación poderá sufragar os gastos do seu labor dende xaneiro ata marzo.

«Era de urxente necesidade porque, segundo o seu xerente, as súas contas estaban a cero e, de feito espera que Xunta e Deputación aumenten as súas achegas para poder salvar o ano 2020. A día de hoxe, a concellería de Servizos Sociais é a administración que aporta a maior contía», segundo subliñan desde o departamento de Servizos Sociais.

O seu titular, o concelleiro Tino Cordal, agradeceu o traballo que esta a facer esta entidade de ámbito comarcal, que axuda a vinte nenos de ata 18 anos de idade, e lembra que nos últimos anos duplicouse a subvención municipal a Esperanza «porque fai unha labor imprescindible e gustaríanos que este bo exemplo ou seguiran outras administracións».

Desde o Concello informan de que a axuda para Esperanza pasou de 7.500 a 16.000 euros nos últimos anos e lembran que esta cantidade supera á que lle conceden outras administracións, caso das achegas de Deputación (10.000 euros) e da Xunta (15.000 euros).

Por outra banda, o goberno local anuncia que, ao abeiro dos orzamentos municipais de 2020, quere propoñer aos grupos da oposición a posibilidade de aumentar a partida orzamentaria para as axudas ás entidades sen animo de lucro, ademais de crear novas axudas nominativas dentro desta partida, como é o caso da retribución que percibe a asociación cultural Xironsa para a realización do festival musical do verán.

Transparencia

O Concello de Cambados colaborou ano tras ano cos gastos deste festival dedicado á cultura popular que se celebra en Corvillón, «pero dende o actual goberno entendemos que debe realizarse de forma transparente e a través dun convenio de colaboración, e non sufragando o Concello directamente parte dos gastos das actuacións e do aluguer dos equipos de son como viña facendo ata o de agora».