Palabriñas para non esquecer o galego

B. c.

CAMBADOS

cedida

O traballo está dirixido a nenos de cero a oito anos e distribuirase polos colexios e os centros de lectura

18 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Instituto Galego de Estatística alerta de que os nenos e os mozos falan cada vez menos o idioma de Rosalía e no Concello de Cambados queren aportar o seu grao de area para corrixir esta dinámica. A área de Normalización Lingüística vén de publicar un novo libro para nenos de entre cero e oito anos que lle permitirá ao profesorado de educación infantil traballar en galego nas aulas.

A publicación, titulada «Palabriñas da nosa lingua», pretende familiarizar aos cativos cun idioma que escoitan falar nas aulas, na casa, quizais nalgún programa de televisión, pero que moi poucos usan no seu día a día, coa familia e cos amigos.

«Un dos motivos fundamentais polo que se ten chegado a esta triste situación para o galego é o deterioro da transmisión de pais a fillos», segundo indica o concelleiro delegado desta área, Tino Cordal.

«O obxectivo fundamental desta iniciativa é fomentar o uso da nosa lingua das nenas e nenos de Cambados nunha etapa decisiva na adquisición e na consolidación do idioma, e ofrecerlles aos nosos fillos e fillas unha educación e unha primeira aprendizaxe na nosa lingua e a posibilidade de poder utilizala con naturalidade», engade o edil. «Pretendemos desenvolver un labor de sensibilización nos familiares e persoas do entorno dos nenos e nenas sobre a importancia e o valor que supón na formación dos cativos unha aprendizaxe en lingua galega».

Os libros serán repartidos ao longo dos vindeiros días nas aulas de educación infantil e de primeiro e segundo curso de primaria. Ademais, depositaranse un bo número de exemplares na biblioteca municipal Luís Rei e nas casas de cultura das parroquias para que estean a disposición dos usuarios.

«Palabriñas da nosa lingua» inclúe palabras sobre a familia, a casa, a escola, o corpo humano, a comida, o traballo, a rúa, os animais, os meses do ano, os días da semana e os números. A publicación consta de 41 páxinas e está editado a toda cor con numerosas ilustracións. Xa so queda ler.