O PP alerta dunha posible reclamación patrimonial ao Concello pola anulación da licenza da gasolineira

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

O caso sérvelle ao líder do Partido Popular cambadés para lembrar que «xa dixemos que o cuadripartito estaba a levar moi mal varias áreas: Servizos Sociais, Obras e Servizos, Cultura e Urbanismo»

15 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Este é un dos problemas máis importantes que tivo o Concello de Cambados en anos a nivel de urbanismo. É un tema moi serio, e non ten boa pinta». O voceiro do Partido Popular de Cambados e exalcalde da vila do albariño, Luis Aragunde, abordou onte a noticia do fallo do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra anulando a licenza municipal que permitiu a apertura da gasolineira na rúa Agrolongo a finais do 2018. Unha medida que partiu do recurso presentado no seu día pola sociedade Cambadosoil S.L. contra a decisión de autorización da xunta de goberno local de Cambados na época do cuadripartito, con José Ramón Abal sendo responsable entón da área de Urbanismo.

Aragunde alertou publicamente de que se presenta ante o Concello o horizonte dunha posible reclamación patrimonial por parte da empresa propietaria da gasolineira, que, pola ausencia dun informe xurídico, pode quedar sen a cobertura legal precisa para seguir operando o seu negocio se o Concello non decide recorrer a sentenza, e que o hipotético recurso se torne en favorable á decisión no seu día da xunta de goberno local. De chegar a producirse a citada reclamación patrimonial «sería unha demanda millonaria. E isto ao final pagaríano os veciños de Cambados», denuncia Aragunde.

O caso sérvelle ao líder do Partido Popular cambadés para lembrar que «xa dixemos que o cuadripartito estaba a levar moi mal varias áreas: Servizos Sociais, Obras e Servizos, Cultura e Urbanismo. Houbo xente que estivo un ano esperando licenza para retellar, e xente desesperada agardando dous anos por unha licenza para vivenda unifamiliar, tento todo ben. Agora está saíndo a relucir a mala xestión do cuadripartito». Aragunde adianta que a súa formación vai «facerlle seguimento ao caso da gasolineira» dado o seu potencial efecto demoledor na facenda municipal.