O goberno de Cambados aposta por ampliar os fondos para parques e colexios

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Anúnciase a contratación dun técnico a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para realizar en exclusiva as tarefas de mantemento e conservación de centros escolares mediante un calendario programado

15 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No marco da elaboración dos orzamentos do Concello de Cambados para o 2020, os concelleiros de Obras e Servizos, Samuel Lago, e de Economía, Xurxo Charlín, anuncian un incremento da partida destinada ao mantemento dos centros escolares e dos parques infantís nun 50 %.

«A antigüidade dos centros escolares do municipio, sumado á falta de investimentos importantes por parte da Consellería de Educación, obrigan ao grupo de goberno a tomar decisións para atallar a inoperancia da Xunta de Galicia, xa que, como se vén constatando, estes non están acometendo os traballos precisos nestas instalacións», segundo explican desde o bipartito.

Obras

Na proposta que se vai trasladar aos grupos da oposición incluirase un aumento da partida para colexios, de 45.000 euros a 67.500. Tamén se proporá un aumento da partida para parques infantís en 60.000 euros, para acometer a reforma dos da escola da Modia, Torrado e a praza de Clemencio Pulido, a maiores da partida para o mantemento do resto dos espazos infantís do municipio.

Samuel Lago fai fincapé en que o Concello está atendendo as súas obrigas no que se refire ao financiamento do gasóleo da calefacción e os servizos enerxéticos dos centros educativos, ademais dos pequenos danos que poden xurdir nos edificios, pero, ademais, matiza, acomete obras de envergadura que aumentan o gasto en Educación con cargo ás arcas locais. Lago pon exemplos: a beirarrúa e o peche perimetral do colexio de Santo Tomé, o cambio do caucho do parque infantil e a achega de máis de 50.000 euros para un comedor escolar no mesmo centro, a colocación de portas no colexio Magariños, fiestras e patio no colexio de Corvillón, o cambio da caldeira no colexio de Vilariño e as melloras executadas recentemente no de Castrelo.

Novo técnico

Así mesmo, anúnciase a contratación dun técnico a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para realizar en exclusiva as tarefas de mantemento e conservación de centros escolares mediante un calendario programado.