Un freixo e unha formación de castiñeiros e carballos aspiran ao catálogo de árbores senlleiras da Xunta

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

A medida busca garantir a preservación e conservación destes exemplares ubicados nos concellos de Cambados e Mugardos

27 dic 2019 . Actualizado a las 10:16 h.

Galicia conta cun catálogo de árbores senlleiras que consiste nun rexistro público de carácter administrativo dependente da dirección xeral de Patrimonio Natural no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección debido a que presentan unhas características excepcionais. É esta unha ferramenta aberta e en constante actualización, na que veciños, administracións, centros de investigación e mesmo asociacións poden propoñer a inclusión de novos exemplares. E iso foi o que fixeron un veciño de Mugardos e outra de Cambados. O primeiro reclama que se inclúa no referido catálogo unha formación multiespecífica que hai en Franza Camos. A segunda, pide esta protección para un freixo de máis de vinte metros de altura que se atopa nas proximidades do pazo de Fefiñáns. Agora, Medio Ambiente abre un prazo de vinte días para que se poidan presentar todas as alegacións que se estimen oportunas a esta catalogación.

Un total de 151 árbores e 39 formacións arbóreas compoñen actualmente o catálogo de árbores senlleiras de Galicia. E, en breve, podería haber dúas novas incorporacións. Segundo publicaba onte o Diario Oficial de Galicia, en Franza Camos, en Mugardos, solicítase esta protección para unha formación multiespecífica. Está formada nun 65 % por exemplares de castiñeiro e nun 35 % por carballos. O perímetro dos primeiros e dun metro, mentres que o dos segundos acada o 1,9 metros. Na zona hai unha densidade de 230 pés por hectárea. Esta formación atópase nas proximidades dunha vivenda.

A segunda especie que solicitan sexa incorporada a este catálogo é un freixo de folla estreita e grandes dimensións que se atopa en Cambados. Ten exactamente 21,1 metros de altura total e 3,5 metros de perímetro normal.

Medio Ambiente abre agora un prazo de vinte días no que os interesados poderán presentar a documentación, observacións ou alegacións que estimen oportunas con relación á catalogación destes dous elementos. A información dos expedientes está dispoñibles para a súa consulta nas dependencias da dirección xeral de Patrimonio Natural en Santiago e na xefatura territorial de Medio Ambiente en Pontevedra.