Cambados recupera cinco pezas do sistema hidráulico do convento franciscano, datado no século XVI

Serxio González Souto
serxio gonzález CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

A antiga composición, cedida por dous veciños da vila, será instalada no xardín da igrexa parroquial

13 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O patrimonio material non só reside nas grandes obras, senón tamén nas solucións que os nosos devanceiros daban a necesidades comúns. Dende hai oito anos, o historiador Gumersindo Mosteiro teimaba na pota en valor dunha serie de pezas que descansaban en dous solares, propiedade de Ramón Durán e Mari Carmen Durán Martínez, e facían un servizo sinxelo, pechar o paso aos vehículos. En realidade, esas cinco estruturas formaban parte do sistema hidráulico que dende o século XVI fornecía de auga á horta dos frades franciscanos da Concepción.

Cabanillas e Cotarelo Valledor

Trátase dun sistema que durante séculos funcionou para subministrar auga a un lugar que o propio Cabanillas cantou no seu poema O sábado na escola, publicado en Vento Mareiro no 1915, e foi citado nos textos que Armando Cotarelo Valledor escribiu na súa obra El convento de Cambados. Esa auga alimentaba dúas fontes. Unha delas atópase á beira do lavadoiro do que hoxe é a biblioteca municipal, antes coñecida como a casa de Fraga ou de Furruxe, a familia que ficou coa propiedade da horta do convento logo da súa desamortización. Velaí onde o Concello de Cambados conserva unha sexta peza, que se suma agora ás cinco que veñen de ser cedidas gratuitamente polos seus propietarios.

A intención do Concello pasa por solicitar a autorización da comisión de Patrimonio para instalar as seis pezas no xardín da igrexa parroquial. «Trátase de recrear o funcionamento orixinal deste sistema hidráulico construído a finais do século XVI, do que se abastecía de auga o convento franciscano, e dese xeito poñer en valor para as xeracións futuras unha estrutura que, de non ser pola intervención municipal, quedarán no esquecemento», sinala o concelleiro Xurxo Charlín.