O mercado das flores de Vilagarcía contará con once postos baixo carpa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

A iniciativa naceu hai dez anos e volve puntualmente coa chegada destas datas

27 oct 2019 . Actualizado a las 18:46 h.

A iniciativa naceu hai dez anos por iniciativa do Concello e das floristas con fin de dinamizar o sector e facilitar a compras e xa acadou o carácter de clásico en Vilagarcía. Co gallo das datas de Defuntos e Todos os Santos celebrase un mercado para a venta de flores do 29 de outubro ao 1 de novembro no emprazamento habitual, situado nas inmediacións da praza de abastos. Os postos instalaranse baixo unha gran carpa pechada que se instalará no tramo peonil do paseo García de Caamaño, situado entre a ponte de Vista Alegre e a praza de abastos. Un total de once floristas exhibirán os seus produtos os días 29, 30 e 31 de outubro, en horario ininterrompido de 8 a 20 horas, e o 1 de novembro, en horario matinal de 9 a 13 horas.

A participación deste ano é similar á das últimas edicións, con cinco florerías e media ducia de labregas que venden produto de colleita propia. Os once postos de venta ocuparán uns 600 metros cadrados de superficie, de modo que a mercadoría se poida exhibir dunha forma máis atractiva e para maior comodidade de floristas e clientes, «que contan coa facilidade de ter concentrada nun mesmo punto unha gran oferta de flores soltas, ramos, centros e outros ornamentos florais especialmente confeccionados para adornar os cemiterios o Día de Defuntos», segundo indican desde a concellería de Promoción Económica e Mercados. «Ademais, a carpa pechada permite o desenvolvemento da actividade independentemente das inclemencias meteorolóxicas propias desta época do ano».

As vendedoras asumen o custe do aluguer da carpa e a vixilancia da mesma, mentres que o Concello colabora co resto da infraestrutura e a loxística necesarias: a instalación das conexións eléctricas, a colocación das bancadas de exposición, a decoración exterior e interior da carpa, a elaboración do material publicitario.

En Cambados abrirá do mércores a venres e estará no salón Peña

En Cambados será a quinta edición do mercado das flores que o Concello organiza por Defuntos en colaboración coas profesionais do sector. O esquema é similar ao de anos anteriores. As vendedoras instalaranse no salón Peña, onde teñen amplitude e comodidade para colocar os seus postos, un total de 24. O mercado abrirá o mércores día 30 e xoves 31 con horario ininterrompido de 8 a 22 horas e o venres 1 de novembro só funcionará ata as dúas da tarde. O recinto contará con vixilancia nocturna para evitar roubos.

A iniciativa partiu do concelleiro Xurxo Charlín na procura de ordenar unha actividade que estaba desenvolvéndose de xeito precario. Agora, todas as vendedoras deberán estar dadas de alta na Seguridade Social e Facenda, o cal pon fin ao problema da competencia desleal, e os postos están a cuberto en contra do que ocorría ata hai cinco anos.