Cambados e Dorna abren o curso de Fútbol Gaélico, que volve perder o Mecos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O equipo grovense non deu reunido suficientes xogadores

10 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga Galega de Fútbol Gaélico 2019/20 arrincará esta fin de semana. Na categoría masculina, con dez equipos, catro menos ca na edición anterior, tras as baixas dos filiais do Fillos de Breogán (A Coruña) e do Braithreachas (A Estrada), e do Pontevedra e mais do Mecos F.G. Unha perda a deste último que reduce, como dúas campañas atrás, a representación arousá na competición ao Dorna F.G. da Illa e ao Cambados Gaélico.

«Este ano non saímos competir porque por traballo ou por estudos, non damos xuntado suficientes xogadores. Foi o mesmo que nos pasou hai dous anos», explicaba onte Mario Iglesias, un dos contados 8-9 grovenses dispostos a continuar. O seu desexo, que como sucedeu a tempada pasada, «para o ano volvamos». Mentres, o Mecos F.G. manteráse vivo continuando coa súa escola de fútbol gaélico, os venres no pavillón do Colexio Rosalía de Castro para nenos de 3 a 12 anos; e co seu torneo de fútbol gaélico praia no verán.

Mario Iglesias foi un dos tres xogadores do Mecos F.G. que non se resignaron a deixar de xogar este curso. No seu caso, xunto a Ricardo, nas filas do veciño Cambados F.G., que con preto de ducia e media de homes, este sábado abrirá a Liga na Estrada fronte ao Irmandinhos. Tras rematar na zona media-baixa da clasificación 2018/19, o obxectivo cambadés é situarse entre os cinco mellores ao termo da primeira fase, a unha soa volta todos contra todos, para xogar polo título na segunda parte da tempada.

Menos ambicioso se amosa a adestrador-xogador do Dorna F.G., David Dios: «Co nivel que hai, este ano o obxectivo é quedar sextos ou sétimos». Un reto polo que comezará traballar cos seus 16 pupilos-compañeiros desde este sábado, ás 20 horas na Bouza da Illa ante o Estrela Gaels.