O outono chega con novas propostas de pintura e fotografía

A oferta vai da arte de Berta Cáccamo ás obras de persoas con discapacidade


O outono chegou cunha morea de exposicións na comarca. O venres inaugurouse na sala Torrado de Cambados «Berta Cáccamo. Enteiramente pintado: rexistro dun percorrido vital», a primeira mostra dedicada á artista viguesa logo da súa morte e o inicio dun ambicioso proxecto de recuperación e catalogación do seu legado artístico. Deste xeito, ademais, Cambados réndelle a súa particular homenaxe a unha muller que non puido expoñer en vida neste mesmo espazo porque a enfermidade llo impediu. A mostra poderase visitar de martes a domingo, en horario de mañá e tarde, ata o 13 de novembro.

En Cambados haberá a partir do martes outra cita importante no eido cultural coa inauguración da exposición de fotografía dedicada ao naufraxio do transatlántico Santa Isabel, ocorrido en xaneiro de 1921 preto da illa de Sálvora. A exposición recolle 186 fotografías e obxectos e vai acompañada dunha serie de coloquios e mesas redondas sobre aquela traxedia na que morreron 213 persoas, que empezaron onte mesmo en Exposalnés.

Mundo do viño

A poucos quilómetros de alí, en Meaño tamén abriu esta fin de semana unha exposición de fotografía que firma José Luiz Oubiña, no pazo de Lis, baixo o título «Bodegueros de Meaño». Nela faise un percorrido pola cultura do viño a través dos propietarios de adegas da zona, realizadas entre os anos 2015 e 2019. Desde o Concello destacan a figura de Paco Dovalo, xa falecido, por ser un dos impulsores do Encontro do Viño e formar parte do Consello Regulador Rías Baixas, «defendendo sempre as pequenas adegas». A mostra permanecerá aberta ata o 8 de outubro, en horario de tarde de martes a sábado e os domingos e festivos, pola mañá.

Arteterapia

O auditorio de Valga retoma a súa actividade cultural despois do verán tamén cunha exposición de pintura, «Presenzas de Muller», da asociación de persoas con discapacidade dos vales Ulla e Umia (Asdivalu). Os usuarios do centro de orientación (Codi) ofrecen a súa particular visión sobre diferentes temáticas relacionadas coas muller, desde a violencia de xénero e a igualdade ata a discapacidade ou a natalidade. Na mostra tamén se aborda o problema da contaminación que sofre a «nai terra». A arte e a reivindicación van da man nunha proposta na que predomina a cor violeta e figuran lemas como «Liberdade», «Á(r)mate, muller» ou «Girl power». Os cadros foron pintados polos usuarios do Codi nas sesións de Arteterapia que semanalmente imparte a artista local Ángeles Garrido e que, ademais de pintura, inclúen traballos manuais, artesanía con barro e outras disciplinas. É un xeito máis de traballar as capacidades destas persoas, ao tempo que se favorece a súas relacións sociais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O outono chega con novas propostas de pintura e fotografía