«Os mariñeiros saben que o cambio climático é unha realidade»

elisa pérez / s. G. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O patrón xubilado cre que antes o mar respectábase máis e había menos plástico

14 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A fotografía dun atún de considerable tamaño colocada na parede do despacho de Ángel Costa (Cambados, 1936) representa o que é para este mariñeiro xubilado unha vida enteira dedicada ao mar. Unha vida que era posible, segundo o cambadés alcumado Gelucho, grazas á importante cantidade de produto que se obtiña cada día ao saír a pescar. «Nós andabamos sempre cargados de peixe. Daquela había ostras ata na ponte da Illa, agora non hai nada». O ex patrón, que comezou a navegar con só doce anos, lembra con nostalxia unha época na que a necesidade levou a moita xente a mergullarse no oficio mariñeiro. «Cando eu era mozo, había que ir ao mar para gañar para comer, non se podía facer outra cousa».

A pesar de gozar de certas vantaxes ao longo da súa traxectoria laboral, Gelucho é consciente dos avances actuais, concretamente con respecto á maquinaria das embarcacións. «Antes non existían aparellos que permitisen detectar o peixe no mar, tiñas que velos á vista, e os barcos, aínda que había máis, non posuían a mesma resistencia e tamaño que os que traballan a día de hoxe. Tamén os transportes marítimos de agora van informados do tempo que vai ou do que vai haber, e cando eu estaba de patrón de pesca os temporais comíannos, iamos practicamente á deriva».

Ademais, inda que a miseria era unha realidade na sociedade cambadesa do seu tempo, o que se gañaba pescando era suficiente para vivir, unha sorte que hoxe, para o exmariñeiro, non está ao alcance de todo o mundo, en parte debido ás restricións establecidas pola Administración no tocante ao tipo e proporción de capturas que chegan do mar aos portos. «O que máis pescabamos eran sardiñas, xurelos ou xardas. Agora, aínda que sexa bo o que colles telo que deixar e coller só o que che din; antes había máis liberdade. Ves a morea de sardiñas que hai nesa foto? Hoxe a sardiña está vedada en moitos lugares. E, aínda que debemos traballar sempre con sentido, comer temos que comer».

As dificultades dos mariñeiros para sacar proveito das moitas horas que pasan desenvolvendo o seu labor no mar tamén teñen que ver, segundo Ángel, coas consecuencias do cambio climático. «Nós en novembro traballabamos a sardiña indo para a parte da Guarda, pero agora tes que traballar por fóra de Sálvora por culpa do cambio climático, que os mariñeiros que viven disto saben que é unha realidade». Gelucho reflexiona sobre a conciencia que se tiña co mar durante os seus anos de patrón: «Cando eu traballaba o mar respectábase máis, e non había plástico na auga. Agora miras as tubaxes e todo é sucidade, e iso ímolo pagar».

A contaminación marítima e a precariedade dun oficio que o cambadés levou no sangue dende neno tráenlle á memoria recordos que lle gustaría non ter gardados no seu interior. «Ademais de que xa non se pesca tanto de todo, desastres como o Prestige prexudicáronnos moito. Din que todo o chapapote que se derramou nas augas non fixo dano e chegou a Francia? A nós afectounos todo, foi un veleno para a nosa costa».

Tamén recorda os múltiples temporais aos que tivo que facer fronte. «Un día fomos ás vieiras ao Grove e co mal tempo furou o noso barco con outro. Outro día, o temporal levou por diante a un dos meus irmáns, con dezasete anos, que, agarrado a outro mariñeiro, caeu e foi ao fondo coma se dunha pedra se tratase. Igual que o que aconteceu con Guillermo Casais, o desaparecido do Sin Querer Dos, que oxalá me equivoque, pero coas correntes que hai os que van para o fondo non aparecen máis».

Todos os documentos gráficos que decoran a oficina do patrón xubilado constitúen as maiores probas de sacrificio e dedicación dunha persoa que herdou a sabedoría mariñeira de seu pai, e que a transmitiu a un dos seus fillos, Antonio, que pasa os días traballando no barco Costa Cordal. Para Gelucho, as cousas xa non son coma antes. Porén, as súas prioridades non mudaron e, hoxe, a familia é o máis importante no seu día a día. «A vida non é gañar moitos cartos, é simplemente vivila».