Telefónica remata a instalación da conexión a Internet de fibra óptica en Tragove

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

As obras correron por conta da propia empresa, cun orzamento de 42.000 euros, e responden a unha demanda da asociación de depuradoras

05 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Remataron as obras de instalación de conexión de fibra óptica no porto de Tragove (Cambados) e na franxa litoral que conecta coas depuradoras que están instaladas nesa zona, segundo informa o concelleiro de Industria, Xurso Charlín, tras reunirse onte cos responsables de Telefónica. As obras correron por conta da propia empresa, cun orzamento de 42.000 euros, e responden a unha demanda da asociación de depuradoras, quen lle trasladara ao edil os problemas que tiñan as empresas para acceder á conexión de Internet.

A servizo a través de ADSL apenas chega aos 3 Mb e non era viable para poder utilizar o sistema de poxa on line que está a implantar a Xunta de Galicia.

Servizo ás depuradoras

Nas depuradoras hai sistemas como os bombeos, os equipos de frío ou as cámaras de vídeo vixilancia que precisan dunha boa conexión a Internet e a situación en Tragove non garantía os servizos ás empresas.

As obras remataron e só falta instalar o cable nunha zona do litoral de apenas douscentos metros para poder darlle a conexión a unha destas empresas.

Non faltaron os atrancos no proxecto, pois uns dos postes do tendido de telefónica existente polo que se instalou a fibra óptica estaba dentro das instalacións da planta depuradora de augas residuais de Augas de Galicia.

Satisfacción no goberno

O edil de Industria mostrou a súa satisfacción, «xa que unha das principais necesidades que nos trasladaron os empresarios de Cambados, tanto do polígono do Salnés coma neste caso das depuradoras de Tragove ao Concello, foi o de dotar as súas empresas de servizos imprescindibles para o desenvolvemento das mesmas, e de estes servizos básicos as telecomunicacións nun mundo tan globalizado son unha prioridade», sinalou.

A súa compañeira de Somos Cambados, delegada da área de Novas Tecnoloxías, Carolina Laya, tamén valorou moi positivamente o remate desta nova infraestrutura en Tragove, «xa que desta maneira, estamos a impulsar un modelo de crecemento vinculado á economía dixital».