O Concello de Cambados alega contra o Plan de Transporte para pedir máis liñas

Solicita participar na ruta nocturna e estival con Pontevedra e unha liña circular que conecte as parroquias


Cambados / la voz

O Concello de Cambados vén de presentar alegacións ao anteproxecto de explotación do servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada dentro do Plan de transporte público de Galicia. Fíxoo da man do tenente de alcalde e responsable de Mobilidade e Seguridade Cidadá de Cambados, Tino Cordal, quen subliña que a Xunta deixa a Cambados fóra dos obxectivos de rendibilidade social que debe perseguir o transporte público.

«Unha vez máis ponse por diante o beneficio das empresas concesionarias do interese xeral, cando debería ser xustamente ao contrario. Cómpre rachar o bucle no que unha política errática de transporte nos meteu nos últimos 35 anos: ‘non pode haber mellor transporte porque non hai viaxeiros, e non hai viaxeiros porque non hai un transporte mellor’», sinala Cordal.

Desde o Concello solicitan liñas directas e áxiles con Pontevedra, Santiago e A Coruña con fin de mellorar as comunicacións con servizos básicos dos ámbitos sanitario e educativos, caso de hospitais e campus universitarios, «aumentando considerablemente a viabilidade social, e non supoñendo un alto grado de dificultades técnicas, operacionais e ambientais, xa que o novo tramo proposto discorrería por vías de alta capacidade: VG-4.2 e AG-41 e AP-9», segundo explican vía comunicado.

«Vemos que Cambados non contará cunha liña directa (poucas paradas) a Pontevedra, Santiago e A Coruña. Así por exemplo a liña XG817440101 que une A Coruña-Ordes-Santiago-Padrón-Vilagarcía-Vilanova-Cambados-Villalonga-O Grove-A Toxa ten unha duración de tres horas e corenta minutos en percorrer 149,90 km, ademais de carecer dun percorrido de volta nesta liña», segundo informan desde Cambados.

O Concello tamén fai referencia á previsión de crear unha nova liña circular e nocturna en época estival con Pontevedra, da que Cambados queda excluído. «Cremos que debería valorarse que se realizara unha nova liña que conectara o resto dos concellos do Salnés tamén en época estival, incluíndo na mesma a Vilagarcía, Vilanova e Cambados con Pontevedra, e se facilitara a comunicación entre os concellos coa creación dunha liña circular nocturna». Ademais, se demanda a Xunta a creación dunha nova liña circular que conecte as parroquias co núcleo urbano, liña que xa existe noutros concellos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O Concello de Cambados alega contra o Plan de Transporte para pedir máis liñas