Máis de 250.000 persoas gozaron do Albariño nunha festa sen altercados

elisa pérez / r.e. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

En Cambados, a grande afluencia de visitantes notouse especialmente nos concertos

07 ago 2019 . Actualizado a las 12:55 h.

Unha festa tranquila, sen graves incidentes e que superou as expectativas de asistencia. Así definen dende o Concello de Cambados a edición número 67 do Albariño, que recibiu máis de 250.000 visitantes, dispostos a degustar un viño tan saboroso como internacional. En total, foron 36.000 os cataviños que se venderon, mil máis que o ano pasado, e nas actuacións musicais, levadas a cabo en Fefiñáns, a afluencia foi masiva, cun público que comprendía idades diferentes e que gozou ao máximo da música de Luz Casal, de Christina Rosenvinge, de Siniestro Total ou de Mala Rodríguez, entre outros artistas que visitaron Cambados.

Unha das causas do éxito da Festa do Albariño, segundo o goberno local, foi a mellora da distribución das actividades programadas durante os cinco días da cita, o que provocou que a multitude se repartise por diferentes puntos da vila de maneira máis equilibrada. Tamén o estreo da festa como de interese internacional atraeu a numerosas persoas que acudían por primeira vez, e a outras que non dubidaron en repetir. As subvencións percibidas incrementáronse -a Xunta aportou 50.000 euros, e a Deputación uns 37.000-, e só nun caixeiro dunha entidade bancaria sacáronse, ao longo da festa, 300.000 euros.

Mais a gran asistencia non só se notou no paseo da Calzada, na praza do Concello ou nos concertos celebrados en Fefiñáns, tamén o salón José Peña recibiu unha cantidade importante de amantes do viño albariño, que decidiron catar as máis de cen marcas alí expostas. Ao túnel do viño achegáronse 510 persoas, número que se aproxima ás 550 que estaban no Xantar, das cales 240 pagaran entrada para poder asistir.

Aínda que a afluencia de visitantes foi considerable, as festas desenvolvéronse con normalidade, polo que non se destacan altercados. Ao Punto Morado chegou unha persoa para alertar da presenza dun home que lle introducira substancias na bebida, polo que as voluntarias desta iniciativa, en coordinación coa Garda Civil e a Policía Local, actuaron para analizar o líquido e para advertir ás moitas persoas que acudiron a pedir información á caravana instalada no Concello. Cambados pode presumir de rematar o Albariño libre de agresións sexuais, xa que a este Punto Morado non chegou ningunha denuncia. O que si fixo foi entregar máis de cinco mil pulseiras e outros cinco mil folletos informativos.

Máis datos: os gastos en limpeza incrementáronse, e produciuse un reforzo na seguridade. Colocáronse tres casetas de baños, 75 colectores máis de orgánico e 15 de vidro, e utilizáronse tres motobombas de baldeo. A novidade desta edición foi a barreira de anticontaminación que se instalou para que os centos de quilos de lixo orixinados pola festa non chegaran á ría. O Concello non só agradece o intenso labor dos traballadores de seguridade e limpeza que facilitaron que esta edición fose «a máis civilizada», senón que tamén destaca a implicación do persoal do PAC e, en especial, do Sergas, «que nesta ocasión si estivo á altura», segundo o concelleiro Tino Cordal.

Como a festa sempre se pode mellorar, o goberno ten a intención, o ano que vén, de promover unha campaña de reciclaxe para concienciar sobre o necesario coidado do medio ambiente.

Cordal: «Ata onde temos constancia, a hora sen música nas atraccións respectouse todos os días, agás o domingo»

Este ano, o Albariño estreou algunhas medidas encamiñadas a facer máis accesible a festa para todo o mundo. Unha das accións que se puxo en marcha foi a de apagar a música todos os días, de seis a sete da tarde, no recinto das atraccións infantís, a fin de que as persoas con trastornos do espectro autista puideran gozar delas. Segundo explica o concelleiro Tino Cordal, a medida respectouse «ata onde temos constancia». Ben é certo que o domingo, tal e como se lamentaban onte algúns pais, non se apagou a música ata que a Policía Local acudiu á feira. «Houbo unha persoa que chamou para dicir que non se estaba a cumprir o anunciado, e os axentes foron alí de inmediato, ordenaron aos feirantes que apagasen a música e así se fixo. De feito, como eran as seis e vinte cando apagaron, seguiron así ata as sete e vinte para compensar».

Tino Cordal recoñece que, quizais por falta de implicación no tema, ou por despiste, algúns feirantes non foron todo o receptivos que deles se esperaba a esta iniciativa. «Pero non poden dicir que non estaban ao tanto, porque se lles comunicou varias veces". En calquera caso, e razoablemente satisfeito por como resultou esta medida, o concelleiro xa anunciou que non se descarta que o ano que vén se amplíen as horas sen música e ruídos, e mesmo que se sexa máis duro na súa aplicación, advertindo a quen non cumpra que podería quedar sen autorización para volver instalarse no Albariño. Ademais, «estamos barallando reducir os fogos. Este ano xa houbo moitos menos, pero queremos seguir reducindo».

Por outra banda, os concelleiros de Somos Cambados certificaron onte que eles pagaron os seus pratos na celebración do Xantar do Albariño, tal como anunciaron que farían.

Señorío de Rubiós repite no primeiro posto

O Concello de Cambados recibiu no salón de plenos aos tres gañadores da Cata Concurso Rías Baixas, galardón que outorga o Consello Regulador ás adegas que elaboran os mellores viños da última colleita. O ouro foi para Señorío de Rubiós, que destacou o traballo dos viticultores como valor engadido. O segundo posto foi para Lagar de Costa, e Bodegas Chaves recibiu o bronce. foto MónicA irago