«A festa é un bo escaparate se queres darte a coñecer a nivel internacional»

La Voz

CAMBADOS

MONICA IRAGO

Camilo Abal, dono da adega Lagar da Cachada, fala da promoción conseguida desde a Calzada

02 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que Camilo Abal, dono da adega Lagar da Cachada, só leva catro anos dando a coñecer a súa marca na Calzada durante a Festa do Albariño, sabe que a celebración é o escaparate idóneo para achegar un viño como o seu aos miles de visitantes que percorren esta semana as rúas de Cambados. «Á localidade vén moita xente de diferentes países, sobre todo irlandeses, ingleses ou franceses, o que supón unha gran oportunidade se queres darte a coñecer tanto a nivel nacional como internacionalmente». Segundo Abal, a crecente proxección dos viños Rías Baixas nos mercados exteriores débese en gran parte ao labor que fai o consello regulador, non só con motivo da festa de agosto, por levar este produto fóra de Galicia.

Pola súa parte, o adegueiro móstrase sorprendido e agradecido por partes iguais co recibimento da xente que decidiu catar o seu viño no primeiro día da celebración. «O arranque estivo moi ben, achegouse moita xente e nós xa vendemos preto de 150 botellas. Somos unha pequena empresa familiar, polo que non nos mostramos en grandes superficies, o que nos outorga certa exclusividade. Esta exclusividade e a calidade do produto elaborado é o noso valor engadido».