Cambados énchese de albariño e música no arranque da súa gran festa

elisa pérez CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O Concello distingue coa súa Folla de Prata aos traballadores do punto de atención continuada

01 ago 2019 . Actualizado a las 11:18 h.

Quedaban vinte minutos para que Salvador Cores, Manso, dese comezo á Festa do Albariño, e a praza do Concello de Cambados xa estaba abarrotada de xente. Cambadeses e visitantes agardaban impacientes polo pregón dun dos veciños máis queridos da localidade, que deu o visto bo aos festeiros para que, por fin, puidesen comezar a gozar dunha celebración chea de viño, música e felicidade.

Manso agradeceu a Cambados o recibimento como fillo adoptivo da vila, coa que ten «unha relación de sesenta e sete anos, os mesmos que cumpre a festa con esta edición, e grazas á música». Así destacou o acordeonista vilaxoanés o esencial que é a música na súa vida, que, igual que o albariño, «é un idioma internacional». O pregoeiro animou a tódolos cambadeses a gozar da súa festa máis importante. «Saíde á rúa e bebede, sabendo que hoxe, e durante toda a celebración, estarán bebendo tamén Corvillón, Fefiñáns, San Tomé ou Tragove». O músico concluíu a súa intervención a ritmo da Muiñeira de Armenteira, que interpretou co seu acordeón e co acompañamento das palmas do público, que logo se desprazou ao paseo da Calzada para empezar a brindar con albariño. E é que, ata o domingo, serán moitos os que se achegarán a Cambados a festexar con viño, xa que, segundo Manso, «ninguén fixo amigos bebendo auga».