«A banda sonora dun mariñeiro, dun emigrante, sempre foi a nostalxia»

LOBOS DE MAR | O excontramestre Avelino Aragunde deu a volta ao mundo tres veces e despois puxo un bar na súa vila


cambados / la voz

Dende a casa de Avelino Aragunde (Cambados, 1944) en Tragove pódese ver o mar, ou o que é para el a súa primeira escola, na que entrou con só vinte e dous anos. Ao pouco de casar, puxo rumbo ás augas do Cantábrico en busca dun futuro mellor. «Naquela época estaba sen un peso». Aterrou en Bilbao, onde recadou o diñeiro suficiente para aventurarse a descubrir mundo. Na cidade belga de Amberes embarcou nun buque xudeu, no que estivo quince meses, mais por cuestións económicas comezou a navegar nun barco propiedade dunha compañía holandesa, Shell. Alí ofrecíanlle un seguro e garantíanlle un bo soldo, así como unha pensión digna.

A principal función de Avelino era a carga e descarga de petróleo en portos de diferentes lugares do mapamundi. «O habitual era pasar seis meses traballando e logo volver á casa para descansar outros catro». O feito de estar lonxe do fogar non lle impediu ao cambadés gozar da cultura de diversos lugares ata daquela descoñecidos para el. «Puiden coñecer Róterdam, Lisboa, Persia... Nós demos a volta ao mundo tres veces, saíndo de Panamá e entrando polo sur de África, ou ao revés». Desta maneira, o excontramestre aproveitou a posibilidade que lle brindaba o seu cargo de visitar países como o Xapón ou a India, algúns dos cales puido gozar tamén a súa muller, que o ía ver nalgunhas ocasións.

Aínda que a memoria acostuma a fallar cos anos, Aragunde lembra anécdotas daqueles tempos case coma se ocorresen onte. «Malas experiencias? Recordo unha noite, volvendo polo sur de Australia, na que todos os tripulantes da embarcación o pasamos moi mal. Produciuse un temporal que nos desfixo vivos, tirábanos da cama abaixo e non podiamos durmir. Tamén me acordo dunha vez que viñamos das illas Shetland e, entre Alemaña e Inglaterra, houbo unha nortada, que non era perigosa, pero tivemos medo». A resistencia a estes imprevistos complicábase cando escaseaba a comida. «O maior problema que hai nos barcos, cando navegas por moitos días, é a comida. Os primeiros días é moita, mais cando falta o carácter empeora, e é o cociñeiro quen as paga». Isto, unido ao sentimento de morriña por estar lonxe da familia e da terra, facía que o maior agasallo para Avelino fose chegar a súa cabina e poñerse a ler coas fotografías dos seus fillos diante. «O mariñeiro, o emigrante, é nostálxico por natureza. A banda sonora da nosa vida sempre foi a nostalxia».

A pesar das adversidades, ao que foi mariñeiro da mariña mercante aínda se lle enchen os ollos de bágoas cando fala da súa experiencia navegando polo mundo adiante. «Un dos sitios que máis me gustou foi Buenos Aires, e en México coñecemos a unha familia que nos acolleu na súa casa durante catro días. Cambiaría algunhas cousas daqueles anos, pero moitas delas volvería vivilas. Ver mundo cobrando non é igual que ver mundo pagando».

A necesidade dunha tregua logo de tantos anos dedicados ao traballo mariñeiro levou a Avelino Aragunde a volver á súa localidade natal, Cambados. Alí comezou a rexentar unha droguería, pero como o seu non era «tratar con mulleres a toda hora» decidiu coller un bar fronte ao mar de Tragove, ao que lle puxo de nome Beiramar. A vida atendendo mesas no seu negocio, que foi un dos primeiros da localidade cambadesa en servir tapas, era, como o labor no mar, dura. «Cando estaba no bar botaba de menos vivir no mar, mais a gran cantidade de clientela fixa que agardaba a primeira hora da mañá na porta a que abrira o local facía que todo valese a pena».

A forza alimentada co paso do tempo e a xenerosidade dunha persoa que soubo tratar con xente de múltiples razas e condicións, sen pedir nunca nada a cambio, seguen presentes no interior dun corpo que, a día de hoxe, aguanta o seu terceiro cancro. «Estou aquí loitando, a ver se gaña el ou gaño eu». O que Avelino igual non sabe é que non hai mar que poida con el.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«A banda sonora dun mariñeiro, dun emigrante, sempre foi a nostalxia»