Diego Paz e Penélope Martínez gañan o Tríatlon Popular de Cambados

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Os campións non tiveron rivais no segmento a pé dunha proba que cada ano esperta maior interese entre o público

16 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A cuarta edición do Tríatlon Popular Concello de Cambados incorporou dous novos nomes ao seu historial de campións. Cos debutantes Diego Paz Sobreira (Arcade Inforhouse Santiago) e Penélope Martínez Justo (Tríatlon Arteixo) facéndose cos triunfos absolutos masculino e feminino ao termo da proba de distancia esprint (750 metros a nado, 19 quilómetros de ciclismo e 5 mais de carreira a pé).

A apertura do día ameazaba con endurecer a proba, pero o paso das horas deixou un escenario neutral, que dulcificou o primeiro treito, o de natación, ante a ausencia de vento. Os 17 graos na auga, e a decisión da maioría dos 172 triatletas que finalmente decidiron presentarse na liña de saída do illote de San Sadurniño -houbo 28 incomparecencias- de enfundarse o neopreno reduciron as diferenzas na auga.

Dela saíron en cabeza e á par os tres triatletas que acabarían repartíndose os postos do podio absoluto masculino cambadés. Diego Paz, o cadete David González Borges (C.T. Mar de Vigo) e o júnior Víctor Bouzón García (Olímpico de Vedra). O trío rodou xunto o segmento ciclista, pero na carreira a pé Diego Paz non tivo rival, cruzando a meta con tempo para recrearse na vitoria tras completar o trazado en 56 minutos e 38 segundos, 1.26 menos ca González (58.04) e 2.12 ca Bouzón (58.50).

En féminas foi a mesma historia, coa diferenza de que a cousa se limitou a dúas rivais. Penélope Martínez aproveitou o menor fondo físico dunha Aída Valiño que disputaba a súa primeira proba de tríatlon en anos, tras a súa retirada temporal por razóns de maternidade, informaban onte desde a organización da carreira cambadesa. Martínez coroouse nunha hora, 5 minutos e 5 segundos, 43 segundos menos que Valiño (1.05.48). Xa a 5.40 da gañadora completou o podio a cadete Antía Pazos (C.T. Mar de Vigo).

Grande seguimento

Miguel Fernández, director deportivo do Tríatlon Popular Concello de Cambados, manifestaba onte a súa satisfacción por comprobar como cada vez son máis os afeccionados e demais curiosos que se acercan ao paseo marítimo e, sobre todo, á zona de transición fixada cada ano no porto de San Tomé, para aproveitar as facilidades que o circuito urbano cambadés ofrece á hora de seguir unha proba tan plástica como un tríatlon.