A Arribada Gaélica mestura de novo deporte, música e cultura

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

A cita será o venres e o sábado

05 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O concelleiro de Cultura e Deportes de Cambados, Víctor Caamaño, e José María Trigo, en nome do Cambados Gaélico, presentaban na mañá de onte no consistorio a terceira edición da Arribada Gaélica. Unha iniciativa merecente do premio ao mellor evento deportivo local do 2018, pola súa perfecta mestura das tres razóns de ser que motivaron o seu nacemento. A promoción da cultura mariñeira, do deporte, e mais da música.

Diso falou onte Caamaño na presentación dunha Arribada Gaélica de dous días. O primeiro, o venres, cunha saída pola ría dos participantes en embarcacións tradicionais e chegada prevista a Brañas ás 19.30 horas. Un primeiro concerto e mais unha foliada porán o toque musical ao peche da xornada.

O sábado a mañá será para o deporte. Cos equipos masculinos do Keltoi, do Estrela Vermelha, do Mecos F.G. e do Cambados Gaélico iniciando ás 10 horas, no Pombal, un torneo con final sobre as 13 horas, e cos conxuntos femininos dos dous primeiros clubs enfrontándose ás 11, no que é a introdución da muller neste capítulo da Arribada Gaélica.

O evento trasladaráse entón ao Parque de Torrado ou, de chover, ao Salón Peña. Ás 16 horas comezará o primeiro dos concertos programados, a cargo de Monos In Arms (funk, soul, rock e pop). Tras a entrega de trofeos sucederánse as actuacións de Azrael, de Gipsy Souls (soul, swing, gypsy jazz), de Plan Siberia (blues, garaxe, rumba, country, rock, pop-surf...), da reivindicativa Pauliña, de Crespo co seu novo álbume, e de Prima Nocte (metal). E de remate, Dj Paints. Haberá postos de comida, e monitoras con pintacaras e globoflexia para os máis cativos.