O Tríatlon e a Carreira Popular de Cambados teñen abertas as súas inscricións

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O primeiro disputaráse o sábado 15 de xuño, e a proba de atletismo de 10.000 metros, o domingo 7 de xullo

31 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégase o verán, e con el, a cita con dúas das probas que o Concello de Cambados promove con intención de situar a vila do albariño no mapa do calendario deportivo popular galego na época de maior exposición exterior do municipio. Un Tríatlon Popular éxito de participación nas súas tres primeiras edicións. E unha Carreira Popular co gancho do seu percorrido de 10.000 metros homologado pola Real Federación Española de Atletismo. Ambas as dúas probas manteñen aberta desde a semana pasada as súas respectivas inscricións.

Programado para o sábado 15 de xuño, o Tríatlon Popular Concello de Cambados ofrece a posibilidade de anotarse ata o día 11 do mes que mañá comeza. A través da páxina web https://www.rockthesport.com/es/evento/ivtriatlonconcellocambados/inscripcion/seleccionatarifa. A día de onte eran pouco máis de 60 os triatletas apuntados nunha proba de distancia esprint, isto é, con 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 últimos de carreira a pé, con saída ás 17 horas desde a praia de San Tomé. A cuestión é que a carreira está limitada a un máximo de 200 participantes, categorías cadete, Sub-23, absoluta e veteráns, por rigorosa orde de inscrición.

Lodeco S.L.U., firma especializada na loxística deste tipo de citas deportivas, é a organizadora xunto co Concello de Cambados e a Federación Galega de Tríatlon. Os prezos varían desde a gratuidade total aos 24 euros, en función das categorías de idade e a condición de federados ou non dos competidores.

Cinco semanas restan inda para o pistoletazo de saída á novena edición da Carreira Popular Concello de Cambados, o domingo 7 de xullo ás 10.30 na Praza de Fefiñáns. De aí que a día de onte foran inda tan só tres os atletas anotados no rexistro da proba na web de Championchipnorte. O prezo da participación na carreira é de 8 euros ata o 23 de xuño, subindo a 10 para aqueles que se apunten do 24 de xuño ao 4 de xullo.