«Foron catro anos de ataques moi sucios, pero que me fixeron moito máis forte»

a. garrido / s. gonzález CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Abal di que se sente moi orgullosa de tratar a todos os veciños por igual e de facer unha cidade máis inclusiva

19 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Fátima Abal (Cambados, 1978). Socialista. Hai catro anos acabou de alcaldesa por sorpresa e tivo que improvisar un discurso de investidura inesperado. Foi un mandato duro no que, recoñece, máis dunha vez tivo ganas de marchar polos continuos ataques que sufriu. «Afortunadamente non o fixen», di. Agora preséntase con forza na busca da reelección. Véselle confiada e con ganas de seguir.

-Polo que se pode apreciar, Cambados é unha das grandes incógnitas no Salnés. Engade isto un punto de presión á campaña?

-Non, penso que é unha campaña igual que hai catro anos. Xa hai catro anos estábanse producindo movementos que evidenciaban que as maiorías absolutas coa aparición de tantos partidos quedaban tocadas. Desta vez as cousas van no mesmo sentido. Hai un partido máis en Cambados, e o voto estará máis dividido.

-Ser alcaldesa ten unha cara B. Imaxinaba uns ataques tan duros, incluso na faceta persoal?

-Atacáronme moitas veces difamando a miña imaxe; non só a miña, senón a de meus pais e a do meu home. Como non tiñan nada que atacar dende o punto de vista da xestión, foron pegar onde máis doe, na familia. Foron catro anos moi sucios, pero tamén me fixeron moito máis forte. Esas cousas hai que atallalas, e sobre todo non pararte moito en parvadas, que en realidade o único que fan é distraerte do importante. Todos sabemos quen somos, de onde vimos, e se algunha desas cousas é certa ou non a xente sábeo perfectamente.

-De que se sente máis orgullosa do feito nestes catro anos?

-Eu dicía que ía tratar a todos os veciños por igual, independentemente de a quen voten, iso dixen no discurso de investidura e así o fixen. E de facer un Cambados inclusivo. Fixéronse avances enormes onde non había nada. Escoitamos a colectivos que non se atopaban incluídos nesta sociedade cambadesa. E tamén da loita contra a violencia de xénero, ter unha concellería da muller e de igualdade propiciou o empoderamento e a visibilidade das mulleres.

-No caso de repetir pacto de goberno, que cambiaría?

-As condicións que tiñamos no pacto non sabiamos como ían funcionar na práctica. No caso de darse unha coalición hai que deixalas claras dende o principio para que non xurdan problemas. Hoxe sabemos cousas que non sabiamos e, ademais, aspiramos a ter máis peso.

«Botei un baile con Gonzalo Durán nunha festa do albariño en Alemaña»

A Fátima Abal gústalle a cociña. Gústalle máis facela que papala, e gústalle máis aínda a repostería. Presume da súa torta de tres chocolates e do coulant de chocolate con xeado. E para beber, un espumoso de albariño no que ten moita fe.

-Branco ou tinto?

-Albariño, claro. O espumoso encántame. Penso que é unha grande iniciativa das adegas, é un produto innovador que pode chegar a ter un grande éxito.

-Como levamos a conciliación?

-A corresponsabilidade na casa está moi clara. O primeiro que chega é o que fai. O meu home tamén traballa, pero os fillos xa son maiores. O grande ten 19 anos e a pequena case doce. Maduraron antes, claro. Son os dous moi responsables.

-Cal é a súa comida preferida?

-Vou tirar para a casa. A vieira gústame moito. Tamén as preparo. Gústame cociñar, pero o que máis me gusta é a repostería.

-Practica algún deporte?

-Camiñar polas parroquias. E as andainas, que en Cambados fanse moitas. E unha vez fixen de árbitra nunha pachanga de baloncesto. De cativa xoguei ao futbito, ao voleibol e ao baloncesto.

-Que tal o mundial de chave?

-240 participantes e o concelleiro de Deportes nun equipo. Aí estamos, igual que co pádel. El teimou en crear as tres pistas, aínda que o resto non o viamos moi claro. E, carai, que razón tiña.

-Con que alcalde da comarca tomaría un café?

-Tomo cafés con moitos alcaldes da comarca, pero sobre todo cos da mesma cor política. Co que máis relación teño é con Carlos [Iglesias], o alcalde da Illa. E con Marta Giráldez. Ela e Manel [Vázquez] foron e son os meus grandes apoios. Pero con Gonzalo Durán xa botei un baile, eh! Foi en Alemaña.