«O noso obxectivo é liderar o goberno municipal»

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Presume de desterrar 28 anos de enchufismo e de poder demostrar que «non todos somos iguais»

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi a primeira experiencia de Somos Cambados nun goberno e Tino Cordal amósase moi satisfeito e convencido de que o traballo feito dará os seus froitos.

-É a primeira vez que se dá un cuadripartito en Cambados. Que balance fai do mandato?

-Estamos moi satisfeitos da xestión das áreas de Somos Cambados. Ao chegar ao concello atopámonos con preto de 750.000 euros en facturas sen contabilizar e unha débeda enorme, o que supuxo entrar nun Plan de Axuste. E, a pesar diso, baixamos o recibo da urbana case un 25 % e conseguimos reducir a débeda nun 66 %. Creamos o viveiro de empresas e o primeiro viveiro industrial da comarca; máis de 2.000 familias beneficiáronse de bonificacións fiscais e por primeira vez o concello concedeu axudas aos emprendedores. O gasto social incrementouse en máis do 40 %, abrimos o centro de día e conseguimos do Goberno central unha reforma histórica da Casa do Mar. As oposicións que realizamos en Servizos Sociais foron rexidas polos principios de igualdade, capacidade e mérito. Desterramos despois de 28 anos o enchufismo e demostramos que non todos somos iguais: coa nosa renuncia salarial o concello aforrou cerca de 80.000 €.

-Parece difícil que un partido teña maioría absoluta. Ve factible que se repita un pacto de goberno ou ben pola dereita ou ben pola esquerda?

-Somos Cambados ten como obxectivo liderar o goberno municipal, e a medida que avanza a campaña estamos cada vez máis convencidos de que podemos alcanzalo. Non gobernaremos a calquera prezo, nin permitiremos chantaxes ou prácticas caciquís similares ás que combatemos.

-Que a sede do Consello Regulador veña para Cambados é un asunto aberto ou algo xa irrealizable?

-Fomos os únicos que o levamos no programa e nestes anos conseguimos que todos os concellos do Salnés e a Mancomunidade aprobaran esta xusta reivindicación por unanimidade. Seguiremos impulsando iniciativas xunto ao sector do viño e promovendo a unión de todos os sectores sociais de Cambados para conseguilo. É posible que outros abandonen esta reivindicación para non molestar aos seus compañeiros doutras cidades, pero nós non temos ese problema porque só nos move o interese de Cambados e dos cambadeses.

-Que actuación debería ser prioritaria en Cambados no próximo mandato?

-Cambados debe saldar por fin a súa débeda histórica cos servizos e as infraestruturas das parroquias. Cando os veciños de Castrelo, Corvillón, Oubiña ou Vilariño demandan algunha mellora nos seus servizos e infraestruturas síntome plenamente identificado con eles porque eu tamén vivo nunha parroquia.