«O cuadripartito foron catro anos perdidos para Cambados»

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O popular busca recuperar o bastón de mando cunha lista moi renovada e cunha chea de promesas

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Por primeira vez en 28 anos, o PP tivo que estar na oposición en Cambados. Luis Aragunde insiste e, desta volta cunha lista moi renovada, quere recuperar o bastón de mando e, segundo di, o tempo que perdeu Cambados co cuadripartito. O candidato do PP aposta pola praza de abastos como un revulsivo para a localidade e promete unha gardería para o polígono.

-É a primeira vez que se dá un cuadripartito en Cambados. Que balance fai do mandato?

-Foron catro anos perdidos para Cambados. Empeorou a calidade de vida dos veciños e as veciñas, xa que hoxe en día temos menos seguridade ao eliminar o servizo de policía local pola noite. En Servizos Sociais chegamos a ter unha lista de espera de dous meses. O urbanismo é un caos, hai unha paralización total na xestión de expedientes, máis dun ano para unha simple licenza de retelladura. E as liortas entre os membros do Goberno cansaron aos veciños.

-Parece difícil que un partido teña maioría absoluta. Ve factible que se repita un pacto de goberno ou ben pola dereita ou ben pola esquerda?

-Nós somos o único partido que se presenta para acadar a maioría absoluta e temos opcións. Somos garantes de levar a cabo o programa que presentamos. O resto dos programas electorais non se acometerán, xa que de non acadar a maioría o PP eles partirán as súas propostas para chegar a un acordo de Goberno.

-Que a sede do Consello Regulador veña para Cambados é un asunto aberto ou algo xa irrealizable?

-A nós gustaríanos que a sede viñera para Cambados e nós votamos e votaremos a favor, pero iso correspóndelle decidilo ao sector.

-Que actuación debería ser prioritaria en Cambados no próximo mandato?

-A praza de abastos será un revulsivo para o comercio no centro de Cambados. Unha praza moderna, máis ampla e visitable, con negocios de hostalería para degustar os manxares da nosa ría e o noso albariño. A ampliación do polígono industrial é unha prioridade, necesitamos atraer empresas a Cambados para crear emprego. Non é xustificable o que dixo Xurxo Charlín cando entraron, que non era unha prioridade a ampliación do polígono, que xa había outros polígonos na comarca con parcelas libres. Non se dan de conta de que as empresas que se instalen noutros municipios pagarán alí os impostos e collerán empregados dese concello? Nós crearemos unha gardería no polígono. En servizos sociais crearemos ludotecas en todas as parroquias, incluso os días non lectivos. Tamén crearemos un servizo parroquial para atender aos maiores de 17 a 20 horas en cada parroquia con monitores. Ademais hai proxectos moi interesantes para as parroquias, nas Saíñas, en Castrelo, no campo de festas de Corvillón e en Tragove. E faremos tamén melloras en Vilariño e Oubiña que transformarán as parroquias. Tamén quero comentar que os concelleiros de cada parroquia terán horario de atención aos veciños na casa da cultura. Asemade, baixaremos o IBI. Aínda coas baixadas que fixo o cuadripartito está máis alto que o valor que nós tiñamos antes de que o ministerio obrigase por lei a subilo. Agora xa son libres as corporacións locais para establecer o valor que desexen cun mínimo do 0.40.