Abal: «Podemos ser a gran sorpresa»

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O número un da lista di que ten boas sensacións e afirma que o goberno local funcionou «moi sincronizado»

18 may 2019 . Actualizado a las 14:20 h.

José Ramón Abal foi o elemento imprescindible para formar o cuadripartito e un dos grandes protagonistas deste mandato.

-É a primeira vez que se dá un cuadripartito en Cambados. Que balance fai do mandato?

-O balance que facemos dende Cambados Pode é moi bo. Houbo catro organizacións políticas que firmaron un pacto de goberno e só dous ou tres desaxustes puntuais que se solucionaron, e despois o goberno funcionou realmente moi sincronizado, conseguindo grandes avances e logros en cada unha das áreas. O modelo deste goberno dará moito que falar nos próximos anos incluso nas universidades.

-Parece difícil que un partido teña maioría absoluta. Ve factible que se repita un pacto de goberno?

-Efectivamente non haberá maiorías absolutas, con case total certeza. Nós estamos convencidos que a traxectoria e o recorrido destes últimos catro anos nos ampárannos, e as sensacións e vibracións que estamos percibindo nas rúas cambadesas e nas parroquias son realmente moi boas. Creo que Cambados Pode pode ser a gran sorpresa nestes próximos comicios

-Que a sede do Consello Regulador veña para Cambados é un asunto aberto ou algo xa irrealizable?

-Nós levamos no programa electoral como punto número un traer a sede do Consello Regulador para Cambados, para o pazo Torrado.

-Que actuación debería ser prioritaria en Cambados no próximo mandato?

-Debemos manter a aposta polo enoturismo . Hai que recordar que promocionando o enoturismo estamos promocionando os sectores produtivos de Cambados. Entre outros obxectivos marcámonos desestacionalizar o turismo cun grande evento no inverno. Tamén é fundamental rematar a prolongación da rúa Pacheca co obxectivo de reordenar o tráfico e mellorar a seguridade diante do colexio de San Tomé. Este proxecto tamén contempla a humanización da contorna das ruínas de Santa Mariña. A praza de abastos tamén é unha obra prioritaria.