A directiva de Fontán renuncia á reelección tras resucitar o Juventud Cambados

O club abrirá o sábado en asemblea o proceso para atopar un relevo na cúpula


Os 400 socios do Club Juventud Cambados están chamados o sábado en Exposalnés a unha asemblea extraordinaria, ás 20.15 horas en segunda convocatoria. O único punto na orde do día, a posta en marcha do proceso electoral que deberá desembocar na aparición dun relevo para a directiva que desde hai catro anos encabeza Matías Fontán. Porque, como adiantaron os seus integrantes nas contas do Juventud en redes sociais, non se presentarán á reelección.

O presidente do C.J. Cambados repetíuno onte no consistorio da vila do albariño tirando da rolda de prensa de valoración das Xornadas da Ostra organizadas a prol das arcas do club como altofalante da decisión do seu grupo, e da inminente apertura do proceso para a súa substitución á fronte da entidade.

O anuncio do adeus a bo seguro colleu á inmesa maioría por sorpresa. E é que choca saber da marcha agora dunha decena de ex xogadores e de técnicos da canteira que ao termo da tempada 2014/15 tiveron a valentía de asumir as rendas dun histórico do balompé galego que contaba as xornadas para a súa disolución. Cunha débeda herdada de 23.000 euros, 14.000 deles xudicializados, e con tan só 80 socios que comezaban a dixerir o afundimento á Segunda Autonómica, a penúltima categoría federada. Catro anos despois un saneado C.J. Cambados está a piques de asinar a súa mellor clasificación na Preferente en 22 anos, cunha masa social multiplicada por cinco (400 socios) e elevando dunhas 150 a 320 as súas licenzas.

Cando moitos pensarían que tocaba o momento de comezar a gozar do descomunal traballo feito, Matías Fontán explica o punto final sinalando que «os recursos que manexamos son moi escasos para seguir medrando. Estámoslle moi agradecido ao pobo de Cambados polo seu apoio. Pero aquelas empresas con maior capacidade da vila non entenden o patrocinio local, e a gran parte do orzamento do club (uns 65.000 euros) vén do traballo directo dos directivos. Conseguimos estar o 80 % da tempada entre os catro primeiros da Liga cun dos orzamentos máis baixos, sempre ao día nos pagos».

O vicepresidente do Juventud, Jorge Horro, engadíu a este factor o feito de que «a nosa continuidade non é viable, porque a metade de nós está fóra de Cambados durante a semana, e os que quedan non son suficientes para facer o labor que precisa o club».

«Infinitamente contentos» co realizado, e sobre todo, polo servizo prestado ao club dos seus amores, Fontán e Horro están convencidos da aparición dun novo grupo para coller un Juventud saneado.

Un labor que mereceu a confianza e a colaboración do Celta de Vigo

Entre os capítulos do que máis orgullosos se sinten Matías Fontán e os seus compañeiros de directiva figura o relanzamento da canteira do Club Juventud Cambados. Unha canteira que nos últimos tempos da directiva anterior se segregara orzamentariamente do club pensando na súa continuidade en caso de que a entidade rematara caendo na disolución, vista a súa traxectoria nos últimos anos.

Proba da seriedade mostrada no traballo dos inda actuais xestores do Juventud foi a sinatura do club cambadés dun convenio de colaboración co Celta. Un acordo que lle permitíu á canteira arousá gozar do programa de asesoramento da base do club celeste, entre as de maior crecemento cualitativo do balompé español nos últimos tempos. Unha asociación que traía periodicamente cada semana a técnicos do Celta que non só potenciaban o crecemento dos rapaces do Juventud, senón que tamén «lles facilitou unha formación extra aos nosos adestradores», felicítase Fontán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A directiva de Fontán renuncia á reelección tras resucitar o Juventud Cambados