Cambados e Vilagarcía deixan o final para a derradeira xornada

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Os homes de Padín anularon un 1-3 para acabar igualando no Pombal, e seguir dependendo de si mesmos para acadar a permanencia

04 may 2019 . Actualizado a las 23:16 h.

Era un tesouro o que había en xogo na mesa do Pavillón Municipal do Pombal, e Cambados T.M. e Vilagarcía T.M. deron fe. Nun derbi que se achegou ás catro horas de duración. Coa tensión a flor de pel, e a maxia que o deporte, algún máis ca outro, regala en circunstancias coma a presente. Completado o cuarto emparellamento a vitoria visitante semellaba un feito tras o punto sumado polo número 1 do Vilagarcía T.M., o internacional belga Jeam Lauric, sobre o seu par no bando contrario, o chinés Qiu Liang. Pero Fernando Padín e Javier Soria conseguiron darlle a volta á tortilla, salvando un empate que lle permite ao Cambados T.M. chegar aos 12 puntos, e seguir dependendo de si mesmo para evitar o descenso na derradeira xornada do vindeiro sábado. Na súa visita ao Burgos (5º. clasificado), en paralelo ao duelo co Híspalis (9º.) dun Visit Pontevedra que o venres sorprendeu derrotando 1-4 o Borges, acadando os 11 puntos, mentres o Vilagarcía T.M. partirá con 10 no seu desprazamento final a Irún (4º.).

O derbi arousán comezaba onte con Qiu Liang impoñéndose en catro xogos a un Reinier cabezas coa súa boneca dereita, coa que xoga, mancada o día anterior nunha caída mentres adestraba. O resultado, 11-7/9-11/11-8/11-5. A partir de ahí, o Vilagarcía encadeou tres puntos. Jean Lauric ante Javier Soria (12-10/8-11/7-11/9-11), Sergei Nigeruk sobre Fernando Padín (6-11/9-11/8-11), e Lauric fronte a Liang (11-7/11-13/5-11/6-11).

Pero os xogadores cambadeses tiraron de fe, estirando os dous últimos duelos ao máximo, para impoñerse en cinco xogos. Padín a Cabezas (11-6/3-11/11-9/6-11/11-7); Soria a Nigeruk (11-8/7-11/12-10/6-11/11-9).

«Remontamos sufriendo, pero remontamos. Ahora hay que rematarlo en Burgos», declaraba o técnico local, Ñajo Padín, ao pouco de rematar o choque. O seu homólogo no Vilagarcía, Antonio Castro, sinalou que «matemáticamente no estamos descendidos, pero está ya muy difícil».