Cambados contará coa súa regata de traiñeiriñas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

RemoConcello e C.R. Mecos organizarán o sábado a I Bandeira Festa do Albariño

01 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Illa das Goritas, no porto de San Tomé, vivirá este sábado un evento deportivo insospeitado. Na mañá de onte o concelleiro de Deportes de Cambados, Víctor Caamaño, e mais o presidente do Club de Remo Mecos-Isabel, Juan Ramón Outeda, presentaban no salón de plenos do consistorio a primeira edición da Bandeira de Traiñeiriñas Festa do Albariño. A segunda proba do curto calendario do barco intermedio do banco fixo na Territorial Sur. Un evento insospeitado, dicimos, pola falta de tradición polo deporte do remo en Cambados, a lo menos desde que este comezou artellarse sobre calendarios extensos e, sobre todo no tocante ás traíñas, sobre ligas regulares co cambio de século.

Víctor Caamaño explicaba onte que a iniciativa obedece a un intento de «recuperar parte da nosa tradición cultural e deportiva relacionada co mundo do mar» a través da colaboración co C.R. Mecos. «Agardamos que este sexa o inicio dun evento deportivo que permaneza e se enriqueza no futuro, e nos permita arraigar en Cambados esta modalidade deportiva vinculada á cultura mariñeira, parte do patrimonio do noso concello». De aí que, subliña o edil de Deportes, «debemos facer todo o posible por transmitila tanto ás futuras xeracións como a todos aqueles que queren coñecer a nosa vila de forma máis realista».

A I Bandeira de Traiñeiriñas Festa do Albariño dará a súa primeira saída ás cinco da tarde, cun minuto de diferenza entre cada quenda, e de 5 entre as distintas categorías, sénior feminina, e xuvenil e sénior masculinas. En xogo, unha bandeira feminina e outra masculina.

A confección das quendas faráse en base á regata anterior. E é que a de Cambados será a segunda proba da tempada, na que, coma é tradicional, se aproveita a festividade do 1 de maio para, na medida do posible, non deixar pasar nin unha semana desde o punto final á tempada de bateis, co Campionato de España dirimido inda o pasado domingo en Vigo. Así, os clubs da provincia de Pontevedra están chamados esta mañá, desde as once na Ponte de Toralla, á terceira edición da Regata de Traineiriñas Remeiros de Vigo, baixo a organización do Club Remeiros de Vigo e do Club de Remo Coruxo. E como na Bandeira Festa do Albariño, hai en xogo bandeira feminina e masculina.