Aquí pode estar o teu novo grupo favorito

Rosa Estévez
rosa estévez CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Gustavo Rey, músico e hostaleiro, decidiu apostar forte e abrir unha sala de concertos en Cambados

24 mar 2019 . Actualizado a las 20:25 h.

«Alguén ten que facer o traballo sucio». Despois de ler esta frase, estarán vostedes a agardar por unha crónica negra. Non vai ser así. Esta é unha historia de noite e de garitos. Pero é, sobre todo, unha historia de música. O que van ler, se seguen dispostos a facelo, podería ser un dos primeiros capítulos da historia dun rapaz que leva no sangue o bicho dos ritmos, as guitarras e os acordes. Un rapaz que quizais se atopase nalgún momento coa súa propia tía Mimi dicíndolle aquilo de que «a música como pasatempo está ben, pero con ela non te vas gañar a vida, Gustavo».

De ter sido así, Gustavo non lle fixo caso. Hai uns anos, este cambadés colleu as rendas do bar Encontro, en Barrantes, e converteu este pequeno local nunha referencia inevitable cando se fala de música en directo na comarca do Salnés. Fíxoo porque si, porque lle petou, porque lle dou a gana. Por que el, que é músico, sabe o difícil que é, para unha banda que está a nacer, atopar un lugar no que facer sonar o seu traballo. Sobre todo, despois de que a nova lei de espectáculos viñese a poñer máis paus nas rodas da efervescente escena musical galega. «Hai unha chea de xente facendo cousas interesantes», conta Gustavo. Moitos pasaron nos últimos anos polo Encontro. Grupos con cousas que aportar que son tratados polo seu anfitrión «como me tratan a min nos sitios dos que marcho contento».

O negocio de Barrantes xa botou corpo: o Encontro está a piques de se converter nun clásico. «Levo anos facendo parroquia», conta o home de detrás da barra. Podería tomarse un tempo para gozar do traballo feito. Pero non. O bicho que leva no sangue meteulle ganas de «embarcar nunha nova aventura».

E, xusto nese momento, cruzouse no seu camiño unha oportunidade. Tiña a forma dun local de Cambados -o que acolleu o mítico Esmorga- acondicionado para a música en vivo e con licenza de café concerto. Parecía o lugar ideal para dar o salto no que Gustavo levaba xa un tempo pensando. «Quería un local no que darlle un punto máis de nivel aos concertos, acoller bandas con formatos máis potentes». E así naceu Krazzy Kray. O nome é deses que invitan a desenfundar o móbil para preguntarlle a Siri, ou ao señor Google, de onde sae tal cousa. ¿Será unha banda de culto? Pois, en certo modo, si. Porque Krazzy Kray era o nome dunha big band que colleu certa fama no Cambados da segunda metade do século pasado. O avó de Gustavo foi un dos seus integrantes e, tres xeracións despois, o seu neto músico decidiu recuperar esa memoria familiar no seu novo proxecto.

O Krazzy Kray, sala de concertos en toda regra, abriu as súas portas no mes de decembro, cun concerto de The Narts, unha formación ligada, por afectos e amizades, ao home do Encontro. Dende aquela, «todos os sábados e algún domingo solto hai concerto no local». Poñamos que a cinco euros a entrada, «o que custa unha copa; non son cartos para hora e media de música en directo; cinco euros por poder atopar ao teu grupo favorito».

O negocio empeza a rodar, pero, «sendo sincero, as cousas non marchan coma eu esperaba. Estamos a anos luz de que a xente entenda que a música costa cartos». Moita xente anímase a ir a un concerto «se é gratis e o grupo toca versións dos oitenta», pero é moita menos a que aposta por pagar e a «abrir a ourella». «Hai excursións para ir ver a Izal a Coruña, e non se decanta de que Izal tivo que tocar antes no bar de Manolo».

Por iso, sen desesperarse «porque aínda acabo de abrir», Gustavo mantén o rumbo trazado. No seu local non atoparan dúos que fagan as mellores versións dos grandes éxitos duns cantos anos atrás. El se reserva para formacións con discurso propio, aínda que custe un pouco máis encher o local. Ao fin e ao cabo, «alguén ten que facer o traballo sucio».

Memoria

Toda unha big band

Á hora de escoller o nome para o seu novo local de Cambados, Gustavo non tivo que darlle moitas voltas. «Krazzy Kray». «Dos corenta aos sesenta houbo en Cambados unha big band que se chamaba así; nela tocou o meu avó», conta este infatigable emprendedor cultural, satisfeito de ter recuperado a memoria daquel grupo de audaces rapaces que hai oitenta anos escolleron un nome sonaba a inglés. «Por que o escolleron e por que o escribiron así, son cousas que non sei».