Cambados prepárase para ser un referente na tradución galega

b. c. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

O reto abordarase desde a nova sede da Fundación Plácido Castro, inaugurada onte na vila

23 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Da man da Fundación Plácido Castro, Cambados podería converterse no referente galego no eido da tradución. Ese é o reto que ten por diante o padroado, unha vez que conseguiu facerse cunha sede física permanente, grazas á cesión duns locais por parte do Concello de Cambados. Onte inaugurouse este espazo na segunda planta do edificio municipal de Rúa Nova e, a partir de agora, a fundación desenvolverá un proxecto co que espera servir de catalizador para darlle visibilidade ao sector da tradución en galego e en Galicia. «Queremos romper a cultura que hai agora mesmo na que cada un traballa polo seu lado, nas editoriais, na universidade..., a nosa ambición é sumar. Queremos converter este espazo nun centro de reflexión sobre a tradución en Galicia», segundo explica o secretario da fundación, Xulio Ríos.

Avanzouse moito nos últimos tempos, pero a tradución segue a considerarse un xénero menor dentro da literatura, e na fundación queren rachar con esta idea. «Dicíao Plácido Castro: para traducir poesía hai que ser poeta», apunta Ríos. A falta de pechar o programa, o que xa se pode avanzar é que no 2019 volverá a convocarse o premio de tradución, na que será a súa dezanove edición, e organizaranse seminarios e outros actos aos que serán invitados representantes da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega e tradutores que axudan a difundir as letras na lingua de Rosalía, caso de Craig Patterson, que vén de traducir ao inglés o Sempre en Galiza de Castelao.

O ter unha nova sede tamén abre a posibilidade de afondar no traballo de investigación que leva a cabo a fundación sobre o intelectual galego. Os interesados en descubrir aspectos da súa vida e obra non teñen máis que achegarse á Rúa Nova, onde se instalou unha exposición permanente na que se reúne boa parte da información e documentos que existen sobre a súa traxectoria: orixes familiares e o seu legado nos eidos da tradución, o xornalismo, a docencia e o activismo político.

A sede ofrece, tamén, un espazo de reunión ao padroado da fundación, formado polos Concellos de Cambados, Vilagarcía e Corcubión -municipios asociados á súa biografía-, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional e a Asociación de Tradutores Galegos.

Na vila do albariño están moi implicados na aposta de manter viva a memoria deste intelectual galeguista. A cesión destes locais á fundación é unha boa mostra. O mes pasado celebráronse unhas xornadas dedicadas a Plácido Castro e en 2017, o cemiterio de Santa Mariña foi o escenario elixido para renderlle unha homenaxe polo cincuenta aniversario do seu pasamento.