Unha Preferente de extremos no aire

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

O Juventud Cambados pechou a súa crise e volve vestir traxe de candidato ao ascenso, o Amanecer resiste, o Vilalonga renaceu, e o Unión Grove, preto de dicir adeus

21 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Co último cuarto de campionato por diante, a Liga de Preferente Autonómica pinta de moi diferente cor en cada un dos despachos dos catro equipos arousáns na categoría. Un horizonte aparentemente inda distante, e porén, nun proceso de definición cada vez máis acelerado. Con xornadas como a da pasada fin de semana apuntando tendencias marcadas, en casos como os do Juventud Cambados e o Unión Grove, diametralmente contrapostas. Este é o panorama presente e a perspectiva de futuro do cuarteto arousán a tres cuartos de camiño.

Juventud Cambados

Golpe de autoridade para iniciar o rebote bursátil. O equipo de Burgáns pechaba o 16 de decembro a primeira volta da Liga segundo con 41 puntos, a tan só 2 do líder, Pontellas. Hoxe o cadro adestrado por Edu Charlín avanza cuarto na clasificación con 47 puntos, a 12 do mesmo rival, que segue a comandar a táboa. Un Pontellas ao que o Juventud derrotaba o pasado domingo 1-2, un marcador que pode resultar crucial ao termo da tempada. E é que con el pechaba unha crise de resultados cifrada en tres empates e outras tantas derrotas desde que no derradeiro encontro do 2018 a súa liña se torcera nun infausto duelo co Bande. Un partido que, recordaba esta semana Edu Charlín, o Juventud puido ter sentenciado ao descanso, cun gol anulado e cun penalti a favor non sinalado, para rematar empatando a uns logo de perder no descanso a Saúl e, pouco despois o seu recambio, Grégor, por lesión. Unha baixa a deste último que se estendeu ata esta semana por unha rotura de 5,5x1,5 nun bíceps, e que privou o Cambados do que era ata entón o seu pichichi, con 10 goles. A aparición de Ramón relevándoo no capítulo goleador non bastou para evitar o que veu despois; máis que pola baixa de Grégor, que tamén, pola sucesión de lesións e de ausencias varias, salientando as dos centrais do equipo, Iago Nogueira, Andrés e Reguera. No arrinque de ano «non puidemos adestrar coa mesma intensidade» que ata entón, láiase Edu Charlín, algo que comezou cambiar nas dúas últimas. Co Pontellas aparentemente inalcanzable con só xa 36 puntos por disputar, o segundo posto semella inda factible para o Juventud, con visita o 10 de marzo a un Estradense segundo a tiro de 7 puntos.

Amanecer

Ben metido na pelexa. Entraba o Amanecer no treito final da primeira volta comodamente instalado na zona tranquila da clasificación, oitavo ao termo da decimoquinta xornada. Catro derrotas consecutivas meteron os de Ricardo Dios na pelexa pola supervivencia, na que continúan instalados no decimocuarto posto con 33 puntos. Iso si, cos ánimos renovados logo de gañar tres dos catro últimos partidos, e de puntuar en catro dos cinco. Resultados todos ante equipos da zona nobre da táboa.

Vilalonga

O efecto Ricardo Fernández. Camiñaba firme o Vilalonga cara o afundimento cando a directiva decidíu prescindir de Ramiro Sorbet á fronte do vestiario, e fichar o curtido Ricardo Fernández para tratar de endereitar unha nave celeste recén varada na Preferente. O equipo pagou a necesaria etapa de adaptación con catro derrotas e un empate nos cinco primeiros partidos do de Mosteiro; nos seis seguintes, os que se levan xogados desde o cambio de ano, o Vilalonga só cedeu un empate, encadeando cadansúa vitoria nos catro últimos compromisos ligueiros. Un ascenso meteórico que inda que só lle valeu para subir un posto na clasificación, do antepenúltimo ao cuarto pola cola, non só lle permitíu saír da zona de descenso directo, senón tamén recurtar de 11 a 4 os seus puntos de desvantaxe respecto ao decimoterceiro posto, o primeiro que semella blindado dos arrastres procedentes da Segunda B e da Terceira.­

Unión Grove

Camiño da Primeira Galicia. A derrota o pasado domingo 0-2 ante o Velle, catro postos por enriba na táboa, colocou un cravo máis no cadaleito do Unión. Penúltimo con só 17 puntos, a metade dos que suman os equipos hoxe en zona de salvación libre de arrastres, o cadro de Santi Mariño podería dicir virtualmente adeus á Preferente o domingo se non derrota a domicilio o Alertanavia, antepenúltimo.