Os colexios de Cambados farán obradoiros de prevención no consumo de alcohol

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

A actividades desenvolverase ao longo da próxima semana por parte do SPAD

16 feb 2019 . Actualizado a las 13:58 h.

Os colexios de Cambados participan esta semana nos obradoiros «TBO e non che creo», que organiza o Servizo Preventivo Asistencial de Drogodepedencias (SPAD), nesta ocasión dirixidos a desmontar os mitos sobre o alcohol. Serán dúas sesións nos que se traballarán contidos relacionados co uso e abuso de alcohol e se elaborará unha banda deseñada e en xuño farase unha exposición. A quenda ábrea o luns o colexio de Castrelo e péchase o venres en Corvillón. O colexio Magariños queda fóra porque xa celebrou este obradoiro.

«A través de esta actividade queremos incidir nas idades previas ao inicio no consumo de alcohol (idade media de inicio aos 14 anos) co obxectivo de proporcionar unha información clara e veraz sobre o seu uso e abuso, reflexionar sobre as consecuencias do seu consumo por parte dos menores, incrementar a súa percepción de risco e modificar as crenzas erróneas ou mitos relacionados co alcohol», segundo subliña a organización.

O cine tamén se utiliza como elemento de prevención a través do programa «Cine e saúde». O día 8 de marzo, coincidindo co Día da muller, proxectarase a película «Brave», no CEIP «Castrelo». Esta película serve para traballar contidos relacionados con valores como a igualdade de xénero, a responsabilidade, a liberdade, as relacións familiares e a resolución de conflitos. Despois da proxección os nenos e nenas participarán nun coloquio. A película consta de unidades didácticas para o profesorado e alumnado que se implantarán na aula con posterioridade.

Durante este curso escolar foron realizadas e están programadas actividades no Concello de Cambados dirixidas a un total de 475 alumnos e 24 profesores de catro centros de Primaria do municipio.