Cambados pecha o 2018 con superávit e aprobará facturas por 680.000 euros o vindeiro pleno

LA Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

Os proveedores tardaron vinte días en cobrar o ano pasado, menos do límite legal

16 feb 2019 . Actualizado a las 19:53 h.

O departamento de Economía e Facenda levará no vindeiro pleno a aprobación para o seu pagamento de facturas do exercicio 2018 procedentes de distintos departamentos municipais por un montante de 680.000 euros. «A previsión é que estas facturas sexan pagadas con cargo ao orzamento do 2019, xa que o superávit do exercicio 2018 vaise destinar a repoñer o crédito nas contas de gasto das distintas aplicacións para facer fronte a redución da morosidade, e desta maneira, preténdese poder deixar tódalas facturas do pasado exercicio pagadas a principios do vindeiro mes de marzo», segundo explica o concelleiro de Economía, Xurxo Charlín.

El edil subliña que o período medio de pago a provedores non supera o límite legal previsto na normativa de morosidade (30 días), sendo o dato de Cambados a 31 de decembro de 2018 de 20,2 días.

Neste senso, Charlín agradece aos funcionarios dos departamentos de Intervención, Tesouraría e Contabilidade «o gran labor que están a desenvolver e que fan posible o seu cumprimento anticipado».

Este datos inclúense no informe contable do 2018 que fixo público o responsable das contas municipais, o cal indica que o exercicio pasado saldouse cun superávit de 602.894 euros. A estes datos provisionais só lles queda por aplicar o axuste de recadación polo criterio de caixa, que coma moito, podería alterar o resultado nuns 30.000 euros, segundo informa Charlín.

Ingresos e investimentos

O resultado orzamentario é de 1.112.575 euros, no que se realizaron uns gastos totais de 8,8 millóns de euros, cuns investimentos en obras que superan o medio millón de euros e cuns ingresos de 9,6 millóns, «a pesar de reducir impostos como o IBI nun 23 % nesta lexislatura e ser un dos concellos da provincia de Pontevedra con maior número de bonificacións fiscais que foron creadas a meirande parte delas nesta lexislatura, e das que se benefician máis de dous mil veciños de Cambados».

O incremento nos ingresos veu dado polo aumento das transferencias correntes e de capital doutras administracións.

O remanente de tesourería ascende a 723.468 euros e no tócante a liquidez municipal o informe técnico indica que as arcas do Concello manteñen, a peche de 2018, un saldo bancario de 1.629.393 euros, «o que supón pechar cun saldo catro veces maior que a liquidez coa que se encontrou o actual goberno en 2015, xa que daquela, cando saíu do goberno Luis Aragunde, o saldo bancario era de 416.903», indica o concelleiro de Economía.

Estes datos económicos foron acadados mentres o Concello de Cambados estibo sometido a un Plan de Axuste Económico pola xestión realizada no exercicio 2015 «e do que grazas á xestión económica municipal actual, logrouse saír, blindando o autogoberno municipal e mantendo a solvencia do Concello».

Menos débeda

O mandato concluirá, pois, «saneando as contas municipais, ao lograr reducir a débeda viva e a morosidade, aumentando a liquidez do Concello e a inversión en servizos sociais municipais.

A débeda viva pendente do concello de Cambados coas entidades financeiras, a peche do exercicio 2018, ascende a un total de 1.003.483 euros, fronte aos 2,4 millóns de euros de débeda con entidades financeiras que había no 2015, situando o endebedamento ao peche do anterior exercicio nun 7,61 %. O máximo legal establecido no 110 %.