Abal fuxe das ideoloxías e sostén que o cuadripartito é un equipo unido, malia o visto neste mandato
09 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Hai catro anos presentouse ás eleccións municipais sendo un total descoñecido. Hoxe, a poucos veciños de Cambados se lles escapa que é unha peza clave no goberno que fixo posible hai catro anos xunto ao PSOE, BNG e Somos. José Ramón Abal confirmou onte oficialmente que repite candidatura con Cambados Pode e entusiasmo renovado.
-Defina Cambados Pode?
-É unha plataforma de veciños que votaban aos partidos tradicionais ou que poden votar aos partidos máis recentes como Ciudadanos, Podemos e Vox. Nós queremos contar con todos, sen liñas vermellas, somos un partido centrado en Cambados.
-Son de dereitas, de centro ou de esquerdas?
-O de esquerdas e dereitas cada vez é menos relevante, sobre todo nunhas eleccións municipais.
-Xa ten lista e programa?
-Na lista vai repetir a columna vertebral do 2015, pero haberá tamén novas incorporacións. Somos un partido aberto a todo o mundo. O programa o van decidir os cambadeses en base a unha comisión de expertos, de diferentes ámbitos da sociedade, que farán aportacións. Será un programa breve e conciso, non con cincuenta mil promesas que ninguén cumpre. Do programa do 2015 cumprimos o 90 %.
-No 2015 comprometeuse a non darlle a alcaldía a ninguén...
-Xa digo, nun 90 %..., o importante é que nunca un programa electoral o leu tanta xente.
-Cambados Pode sufriu unha escisión que dou lugar a Ciudadanos, da man do seu irmán. Como cre que lle afectará electoralmente?
-Non é certo que houbera unha escisión. Pode haber algunha persoa que se vaia, pero iso pasa en todos os partidos. O do meu irmán débese a un conflito familiar moi doloroso para min e a miña familia. Espero e desexo que se restableza a normalidade o antes posible, pero en ningún caso hai escisión.
-Que expectativas ten?
-Son moi boas porque se fixo un bo traballo en todas as áreas, con infinidade de xestións: no alumeado, en turismo, baixáronse os impostos, mellorou a seguridade, optimizáronse as compras no Concello... As enquisas din que imos subir. No 2015 eramos descoñecidos e demostramos a nosa capacidade de traballo. Pode haber sorpresas, nós imos traballar ata o último minuto.
-De repetirse o escenario do 2015, reeditaría o cuadripartito?
-Funcionou moi ben, salvo desaxustes puntuais que pasan nas mellores familias. Somos un goberno moi cohesionado, que cumpriu os seus compromisos, sen as políticas caciquís de antes. O futuro apunta a que non haberá maioría absolutas e iso obriga a entenderse e chegar a acordos.
-O cuadripartito unido non estivo moito..., houbo ocasións en que os seus socios parecían secuestrados por Cambados Pode, politicamente falando.
-Non me parece unha palabra axeitada, nós non secuestramos a ninguén. Xa digo, houbo problemas puntuais, pero o balance é bo. Ás veces foi máis o impacto mediático que a realidade.
-Un dos motivos de conflito foi a ordenación do tráfico en Fefiñáns. Hai catro anos desbotaba a peonalización e hoxe non pasan coches pola praza, que mudou?
-No 2017 acadamos a Cidade Europea do Viño e iso provocou que milleiros de turistas viñeran a Cambados, unha tendencia que continúa con novos recoñecementos no 2018. E en xaneiro do 2018 houbo dos accidentes que nos fixeron tomar conciencia de que había un risco elevado para a seguridade das persoas.
-Porque se resiste a poñer un horizonte temporal á peonalización?
-Temos que ser precavidos e facer as cousas progresivamente. Ninguén dubida que de abril a outubro ten que estar pechado o tráfico. No resto, temos que avanzar xuntos e buscar consensos.
-Volvamos aos posibles pactos. De verse na mesma tesitura, corrixiría algo do acordo de goberno que asinou no 2015?
-Nunca miro atrás, gústame mirar ao futuro. As diferentes forzas políticas que conformen o goberno teñen que buscar o consenso para facer o proxecto de futuro que queremos para Cambados, e o enoturismo ten que ser un referente.
-Esixiría a alcaldía?
-Cando chegue o momento veremos en función dos resultados. A nosa intención é dialogar e definir un proxecto de Cambados de futuro para evitar improvisacións, así a lexislatura sería moito máis fácil.
-Vaille cadrar a campaña electoral coa estrea da paternidade, como vai conciliar?
-Si, coincide coa campaña... Haberá que buscar tempo para todo.
-Pois que Alba veña ben.
-Está a cousa entre Alba ou Aldara, a ver como queda.
«Non é certo que houbera escisión en Cambados Pode, o do meu irmán é un conflito familiar»